Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

14/05/2018

O Goberno da Deputación promove con 25.000 euros audioguías para tres cascos históricos da Mariña

- Faise a través do convenio de colaboración coa Mancomunidade de Municipios da Mariña para impulsar actividades de promoción turística que benefician aos 16 Concellos desta Comarca

- Con este investimento da Deputación, realizáronse audoguías teatralizadas para os cascos históricos dos Concellos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro, ademais dunha campaña de promoción da Mariña nas redes sociais e en medios especializados do sector

- O Deputado dixo que esta iniciativa está enmarcada dentro do Plan Estratéxico de Turismo para poñer en valor os recursos patrimoniais, naturais e culturais

-“Aínda que non temos as competencias directas no eido turístico, apostamos polo mesmo e cremos nas súas potencialidades para xerar riqueza e emprego na nosa provincia”, remarcou Vidal Baamonde

140518 Foto guia mondoñedo

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e o Presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano García, presentaron esta mañá unha iniciativa turística innovadora para darlle máis pulo ao turismo da comarca da Mariña. “Trátase dunha audioguías teatralizadas con información sobre os cascos históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro”. Ademais desta iniciativa, tamén haberá unha campaña de promoción da Mariña nas redes sociais e en medios especializados do sector”, sinalou Vidal Baamonde. O Goberno da Deputación é o principal impulsor deste proxecto cun investimento de 25.000 euros. Pola tarde tamén foi presentado no municipio de Ribadeo, e mañá será presentado en Viveiro, na Praza Maior ás 11:30 horas.

O Deputado de Turismo explicou que esta iniciativa “faise a través do convenio de colaboración coa Mancomunidade de Municipios da Mariña para impulsar actividades de promoción turística que benefician aos 16 Concellos desta Comarca”.

Vidal Baamonde avanzou que “este proxecto é unha iniciativa novidosa que contribuirá a poñer en valor os recursos patrimoniais naturais e culturais, así como os conxuntos históricos da provincia, tal e como recolle o noso Plan Estratéxico de Turismo”. O Deputado lembrou que “aínda que non temos as competencias directas no eido turístico, apostamos polo mesmo e cremos nas súas potencialidades para xerar riqueza e emprego na nosa provincia, como a que presentamos aquí para os Concellos da Mariña”.

O Presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano Garcia avanzou que as audioguías contarán con outros idiomas, ademais do galego, xa que será traducida ao castelán e ao inglés, como mínimo. E remarcou o potencial turístico da Mariña Lucense “somos unha Comarca que cada ano recibe miles de visitantes, e estas audioguías que hoxe presentamos son unha boa iniciativa para atraer máis visitantes en temporada baixa, que é o que interesa a todos os concellos”.

Mondoñedo

A primeira presentación tivo lugar esta mañá en Mondoñedo, coa participación da Alcaldesa, Elena Candia, e os responsables da empresa que foi encargada de realizar este proxecto, o Grupo Chévere, unha compañía de teatro con 30 anos de traxectoria que creou e xestionou un teatro propio durante 20 anos (a Sala Nasa), realizou numerosos proxectos audiovisuais tanto en cine como na televisión e internet e desenvolveu un proxecto de compañía residente único en España, sendo ademais unha das nove compañías de teatro galardoadas co Premio Nacional de Teatro desde 1949. No acto tamén participaron representantes dos municipios da Comarca da Mariña.

O roteiro desta cidade ten unha duración duns 45 minutos, inclúe recursos sonoros con voces narradoras, escenas dramatizadas, entrevistas, mapas sonoros, gravación binaural, músicas, ambientes e efectos sonoros, etc. A audioguía está baseada na figura de Álvaro Cunqueiro, utilizando os espazos urbanos vencellados coa súa vida e coa súa obra como fío condutor. A obra de Cunqueiro é cada vez máis universal e está moi ligada a Mondoñedo, converténdose nun símbolo vivo do imaxinario colectivo dos mindonienses.

O itinerario ten como punto de partida a oficina de turismo e o paseo remata no Cemiterio Vello. Visítanse e fálase de lugares como a antiga Casa do Concello, a estatua sedente de Cunqueiro, a casa natal de Pascual Veiga, o Seminario de Santa Catarina, a Fonte Vella, a casa natal de Cunqueiro, a barbería do Pallarego, a farmacia do pai de Cunqueiro nos baixos do pazo episcopal, a Catedral, a casa natal de Lence Santar, a Escola de Obreiros Católicos, Cine Pacheco, Convento das Concepcionistas, libraría Montero, Café Madrid, Imprenta de Sucesores de Mancebo, Casa do Concello, Igrexa Nova, Cemiterio Vello...

Ribadeo

O que se propón é un paseo por Ribadeo a través da memoria da arquitectura indiana de finais do século XIX e comezos do século XX. O legado indiano é un dos sinais de identidade de Ribadeo, que axudou a conformar unha parte importante da fisionomía urbana da cidade. As casas de indianos e outros edificios ligados á súa influencia (mercados, escolas, hoteis, etc.) son un patrimonio construído que nos permite visibilizar un xeito de vida xa desaparecido, pero que marcou a varias xeracións e deixou unha impronta ata o día de hoxe.

Durante o percorrido visítanse os principais exemplos da arquitectura indiana presentes en Ribadeo: a Torre dos Moreno, a casa de Don Clemente, as primeiras casas da rúa San Roque, a Casa da Calzada, a Casa dos Ananos, a Casa de Sela... Ademais, hai alusións a outros edificios como a Casa do Concello-Pazo de Ibáñez, Cine Colón, casa natal do Viejo Pancho, o Teatro, a capela de San Roque, Hotel Ferrocarrilana.

Mancomunidade de Municipios da Mariña

A Mancomunidade de Municipios da Mariña está integrada por 16 Concellos, estes son; Viveiro, Ribadeo, Foz, Burela, Cervo, Mondoñedo, Xove, Barreiros, A Pontenova, Lourenzá, O Valadouro, Alfoz, O Vicedo, Riotorto, Trabada e Ourol; e conta cunha tamaño poboacional de 74.000 habitantes, 215 núcleos de poboación, cunha extensión superior ao 1.460 km2. Dentro dos obxectivos desta entidade está a xestión e execución de plans e programas ou proxectos de interese publico e común; así como a xestión turística a nivel destino, é dicir o conxunto dos municipios que conforman o xeodestino Mariña Lucense.

Imáxenes

140518 Visita ribadeo audioguias 1 140518 Visita ribadeo audioguias 2

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000