Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

16/04/2018

A Deputación advirte a Suplusa que a convocatoria de mañá na residencia de Pol “é totalmente irregular”

- Motivos: SUPLUSA dispón e fai uso dun inmoble que non é da súa titularidade xurídica; incumpre a orde clara da administración que a tutela, a Deputación, que lle esixe reiteradamente a entrega dos bens, dereitos e autorizacións dos centros rematados; e non pode facer actos administrativos ou de xestión, máis alá de executar as obras das instalacións iniciadas porque perdeu a condición de medio propio

- Esta convocatoria non afecta á folla de ruta de Deputación e Concellos, que avanzan nos regulamentos e plans de viabilidade para a apertura das residencias logo de garantir cos convenios que as prazas sexan para lucenses e o seu acceso universal

- Debido á irregularidade desta convocatoria e ao igual que aconteceu coa de Trabada, os membros do Goberno Provincial non participarán na reunión como Conselleiros

Ao igual que fixo coa reunión no centro de maiores de Trabada, a Deputación de Lugo advirte oficialmente mediante un escrito a SUPLUSA de que a convocatoria do Consello de Administración no centro da terceira idade de Pol para mañá martes é “totalmente irregular” por varias cuestións:

  • SUPLUSA dispón e fai uso dun inmoble que non é da súa titularidade xurídica.
  • SUPLUSA incumpre a orde clara da administración que a tutela, a Deputación de Lugo, que lle esixe a inmediata entrega da propiedade xurídica e posesión material dos centros de maiores rematados.
  • SUPLUSA perdeu a súa condición de medio propio debido aos seus múltiples incumprimentos, non podendo facer ningún acto administrativo ou xestión ao respecto das residencias, máis alá de continuar coas obras iniciadas.

Debido á irregularidade desta reunión, a Deputación orde a SUPLUSA a súa desconvocatoria e que proceda á entrega, “reiteradamente esixida”, dos bens, dereitos e autorizacións dos centros de maiores.

Preguntado sobre este asunto polos medios de comunicación, o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, avanzou que no caso de manterse esta convocatoria, os membros do Goberno Provincial non acudirán á mesma como Conselleiros, ao igual que o fixeron no caso de Trabada.

Campos Conde aclarou que esta convocatoria non afecta á folla de ruta da Deputación e os Concellos para a posta en marcha das residencias e apuntou que os municipios coa colaboración do organismo provincial están a realizar os regulamentos e plans de viabilidade necesarios para a apertura dos centros.

Fano logo de aprobar os convenios de cooperación, que garante, no caso do centro de maiores de Pol, que as 36 prazas de residencia e 18 de centro de día sexan en primeiro lugar veciños do municipio, logo para os da bisbarra ou comarca e seguidamente para lucenses en xeral. Tamén garante o acceso universal ás mesmas, con independencia da situación económica dos usuarios, pois a Deputación xa aprobou financialas cos 288.000 euros ao ano.

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000