Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

16/04/2018

20 veciños de Antas de Ulla participan no Movémonos, o programa deportivo, saudable e social da Deputación

- García Porto e Rivera Capón mantiveron un encontro con usuarios das actividades que o Goberno leva ao municipio da Ulloa a través da Asociación de Veciños de Olveda

- O Executivo destina 119.000 euros a esta programación que permite, ao mesmo tempo, a contratación de 14 profesionais encargados de impartir as clases, aos que o Goberno mellorou as condicións salariais con respecto ao convenio do seu sector

- En total, participan un total de 93 asociacións, 28 do norte, 49 do centro e 16 do sur da provincia. Son case 8.000 horas de actividades dirixidas a asociacións de todos os Concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes; ou a colectivos con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social dos 67 municipios

160418 FOTO MOVÉMONOS

A Deputada pola Comarca da Ulloa, Pilar García Porto, e o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, mantiveron un encontro este luns cos veciños e veciñas do Concello de Antas de Ulla que están a participar no Movémonos do Goberno da Deputación. Trátase do programa deportivo, saudable e social que o organismo provincial leva aos municipios do rural lugués, a través de asociacións e colectivos como a Asociación de Veciños de Olveda, coa que compartiron clase os Deputados Provinciais.

O Executivo Provincial destina 119.000 euros a esta programación para financiar a participación nas actividades deportivas de máis de 1.400 lucenses maiores ou con capacidades diferentes, é dicir, teñen un custe cero para os usuarios e usuarias. Este investimento permite, ao mesmo tempo, a contratación de 14 profesionais encargados de impartir as clases, aos que o Goberno decidiu mellorar as condicións salariais con respecto ao convenio do seu sector que é o de instalacións deportivas e ximnasios. Este implica 6 euros por hora e o Goberno estableceu 15 euros por hora.

En total participan 93 asociacións, 28 da zona norte, 49 do centro e 16 do sur da provincia, neste programa que se prolongará ata o mes de xuño. Son case 8.000 horas de actividades dirixidas a asociacións de todos os Concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes; ou a colectivos con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social dos 67 municipios.

Actividades

A metodoloxía de traballo basearase no Enfoque educativo do Construtivismo, o cal concibe a aprendizaxe como resultado dun proceso de construción persoal-colectiva dos novos coñecementos, a partir dos xa existentes e en cooperación cos compañeiros/as e os/as facilitadores/as. As actividades que se ofrecerán son as seguintes:

- Multideporte: Actividade de carácter deportivo multidisciplinar. Esta actividade dá a posibilidade de iniciarse en varios deportes coa finalidade de que se poida escoller o que máis adecúe ás posibilidades e/ou intereses das persoas participantes.

- Ximnasia de mantemento: Actividade dirixida que se basea nun conxunto de actividades encamiñadas á conservación e mellora da condición física, alcanzando un estado físico óptimo mediante o desenvolvemento de exercicios físicos de mantemento, tonificación e coordinación de forma xeral.

- Acondicionamento físico e aeróbico: O aeróbic é un tipo de exercicio capaz de estimular a actividade cardiovascular e respiratoria durante un tempo o suficientemente longo, como para producir no noso corpo determinados beneficios como mellorar a saúde, previr enfermidades, mellorar a forma física, incrementar o ritmo metabólico, eliminar graxas de reserva e reducir a tensión.

- Pilates: Traballa a musculatura profunda e superficial unindo aspectos do concepto de actividade física occidental e oriental a través de exercicios dinámicos, control do movemento, fluidez e respiración.

- Actividades para persoas con capacidades diferentes: Actividade física baseada na adaptación da tarefa ás capacidades de cada individuo. Dentro deste tipo de actividade englóbanse todas aquelas modalidades deportivas que se adecúan a persoas con diferentes capacidades, ben porque se realizaron unha serie de adaptacións e/ou modificacións para facilitar a práctica a ese colectivo, ou porque a propia estrutura do deporte permite a súa práctica sen adaptacións relevantes.

- Ximnasia Rítmica: A ximnasia rítmica é unha disciplina que combina elementos de ballet, ximnasia, danza e o uso de diversos aparellos como a corda, o aro, a pelota, as mazas e a cinta.

Sonidos

Imáxenes

160418 FOTO MOVÉMONOS II

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000