Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

12/04/2018

Deputación e Concello fomentan a inserción laboral da mocidade lucense apoiando unha feira de emprego universitario o día 19

- Sonsoles López, Ana Prieto e Venancio Salcines, presidente da fundación organizadora, presentaron o encontro, no que participarán unha vintena de grandes compañías que operan en toda España e mesmo a nivel internacional

- Na feira, os estudantes e recén graduados terán a oportunidade de darse a coñecer entre as empresas e mellorar o seu perfil curricular asistindo a diversos obradoiros gratuítos, nos que é preciso inscribirse previamente en www.escueladefinanzas.edu.es 120418 Presentación Feira de Emprego Universitario

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e Venancio Salcines, o presidente da fundación deste mesmo nome e da Escola de Finanzas da Coruña, presentaron este xoves no Salón de Plenos do Concello a Feira de Emprego Universitario, un evento que terá lugar na cidade lucense o vindeiro día 19 co obxectivo de promover a inserción laboral entre a mocidade, en concreto dos estudantes universitarios e recén graduados, e, deste xeito, dinamizar o tecido socioeconómico de Lugo. Tanto a entrada á feira, que se celebrará no hotel Méndez Núñez, como a participación nas actividades que inclúe son gratuítas.

O certame servirá para poñer en contacto ás empresas cos universitarios a través de expositores informativos, que permanecerán abertos en horario de 9.30 a 18.30. A organización espera unha participación de 20 grandes compañías que operan en España e mesmo a nivel internacional, como poden ser Hotusa, Cafés Candelas, Nortempo, BDO Auditoría, PWC, Softek, Vegalsa-Eroski ou Caixabank.

Ao mesmo tempo, os estudantes e recén graduados, tanto da Universidade como de FP, ademais de darse a coñecer entre as empresas de cara a unha futura relación laboral, terán a oportunidade de mellorar o seu perfil curricular asistindo a diversos obradoiros e actividades, entre elas, sobre oratoria, creación dunha marca persoal, presentación dun mesmo nun minuto e medio, poñer en práctica o aprendido coas propias empresas participantes na feira e gravar a presentación para tela a disposición das firmas. Para poder asistir a estas actividades é preciso inscribirse previamente a través da web www.escueladefinanzas.edu.es.

Compromiso municipal e provincial co emprego

A Concelleira de Economía agradeceu á Escola de Finanzas da Coruña, a Fundación Venancio Salcines, e ao seu fundador que decidise organizar en Lugo esta Feira de Emprego Universitario, “unha primeira experiencia que confiamos en que teña éxito e mesmo se volva repetir en anos vindeiros”.

Ana Prieto asegurou que o apoio municipal a esta cita vén dado porque o seu obxectivo coincide plenamente co compromiso político do Concello de Lugo coa creación de emprego, “pois, aínda non tendo as competencias, dado que estas pertencen á administración autonómica e central, temos a responsabilidade de facer todo o posible para dinamizar o mercado laboral, ben con iniciativas coma esta, ben a través da formación, da contratación directa ou do apoio ao emprendemento”. Neste senso, recalcou que o compromiso do Goberno co emprego materializase en investimentos, aludindo aos 3 millóns de euros que contemplan os Orzamentos deste ano para accións neste eido.

A edil animou aos estudantes e graduados da cidade a que acudan a esta Feira de Emprego o día 19, “porque será unha moi boa oportunidade para encarrilar o seu futuro laboral e mellorar a súa capacidade de inserción no mercado de traballo”.

Pola súa banda, López Izquierdo destacou que "esta cita é unha gran oportunidade para todos os universitarios lucenses que estean interesados en mellorar as súas aptitudes e habilidades persoais á hora de buscar emprego, e de coñecer os perfís que na actualidade demandan as empresas para a contratación de novo persoal. Hoxe en día existe moita competencia no mercado laboral e por iso é moi importante saber venderse de cara a obter un posto de traballo".

"Dende o Goberno da Deputación achegamos 3.000 euros para a celebración, por primeira vez na provincia, desta Feira de Emprego, dentro da nosa aposta por ser unha institución sumamente social, rural e coas persoas, que traballa pola xeración de postos de traballo de calidade. De feito, levamos realizado un esforzo inversor que supera os 20 millóns de euros na creación, nos 67 Concellos, de máis de 1.000 empregos para lucenses a través do Ben Empregado e do DepuEmprego. E facemos todo isto, conscientes da situación de precariedade laboral que existe na actualidade, a pesares de non ter as competencias directas na materia, que son da Xunta de Galicia e do Goberno Central".

O presidente da Fundación Venancio Salcines puxo en valor a “boa disposición” de Concello e Deputación para colaborar coa Feira de Emprego, “é un luxo e unha sorte”, asegurou, pois así a “colaboración público privada é máis efectiva”. Salcines indicou que a Escola de Finanzas da Coruña é a primeira institución educativa polo nivel de inserción laboral dos seus graduados. No último ano, sinalou, 200 dos seus alumnos encontraron traballo.

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000