Emblema de la Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas ciudadanas
Boletín Oficial de la Provincia de Lugo
Empleo público
Perfil del Contratante

Actualidad

13/03/2018

Campos Conde aborda con Protección Civil o recorte do 50% da Xunta e as axudas de 170.000 euros da Deputación

- O Presidente explicou que “o PP dende a Xunta recortou o financiamento das 43 agrupacións que hai na provincia ata os 46.000 euros e nós achegamos 170.00 euros, 4 veces máis, para garantir o seu mantemento”

- Campos Conde destacou que “Protección Civil desempeña un papel fundamental no rural, pois nos municipios máis pequenos da provincia non teñen servizos de emerxencia propios como policías ou bombeiros”

- As axudas da Deputación, que son pioneiras en Galicia, ofrécense co Plan Único. Os Concello contan con ata 4.000 euros para financiar gastos como compra de maquinaria ou a execución de obras de mellora nas bases dos grupos

130318 Foto1

O Presidente, Darío Campos Conde, mantivo este martes un encontro con representantes dos Grupos de Protección Civil na provincia, no que abordou o recorte do 50% dos fondos da Xunta de Galicia para este servizo, así como as axudas de 170.000 euros que habilitou a Deputación para facer fronte a ditos recortes. Esta é a segunda xuntanza que mantén Campos Conde con representantes de
Protección Civil que lle trasladaran, no anterior encontro, a situación orixinada por mor dos recortes do Partido Popular na Xunta de Galicia.

Cómpre subliñar que o Goberno Galego recortou nun 50% o financiamento para este servizo. Lugo, con 42 agrupacións locais de Protección Civil constituídas, só recibe da Xunta 46.000 euros, o que supón pouco máis de 1.000 euros de media para cada agrupación, cantidade a todas luces insuficiente para que os profesionais das emerxencias poidan desenvolver o seu labor nas debidas condición de traballo.

Para facer fronte a este problema, o Goberno da Deputación tomou a iniciativa, pioneira en Galicia, de habilitar esta nova liña de axudas do Plan Único que ofrece aos Concellos financiamento para que poidan garantir a eficacia dos servizos de Protección Civil. A Deputación pon á disposición de cada municipio ata 4.000 euros para financiar gastos de Protección Civil, 4 veces máis do que lles concede a Xunta.

Campos Conde apuntou que “dende o Goberno da Deputación, e en resposta ás peticións destes profesionais, decidimos colaborar co Servizo de Protección Civil na provincia, que está presente en 43 municipios lucenses. Son máis de 2.000 voluntarios os que conforman esta rede de emerxencias, que non conta apenas con financiamento do Goberno Galego, obrigando aos municipios a asumir este servizo sen dotalo do orzamento necesario”.

Os representantes dos Grupos de Protección Civil na provincia agradeceron ao Presidente da Deputación a súa “sensibilidade” coa situación de precariedade na que se atopan estes profesionais e “agradeceron” a axilidade do Titular Provincial por introducir unha liña de financiamento para reverter a situación na que se atopan estes grupos. Deste xeito, apuntaron que xa tiveron contactos coas agrupacións de protección civil das outras provincias, que se interesaron por “esta liña de axudas pioneira” pois abre un camiño na mellora da financiación destes profesionais en todo o país.

“Trátase dun servizo fundamental para a nosa provincia, especialmente para os municipios máis pequenos que non dispoñen, en moitas ocasións, de profesionais de emerxencias como bombeiros ou policías locais. Isto implica que, nas localidades con menor poboación, a meirande parte da responsabilidade sobre emerxencias recae sobre estes voluntarios, prestando un servizo fundamental pois son os que mellor coñecen o territorio. Son, ademais, en moitas ocasións os que fan posible a celebración de festas, feiras, mercados ou eventos deportivos no rural lucense”, apuntou.

Neste senso, Campos Conde puxo en valor o “compromiso de todos e cada un dos voluntarios que, de xeito totalmente desinteresado, participan na prevención e na atención de emerxencias ao longo da nosa provincia”. O titular provincial lembrou o papel que este servizo desempeñou, por exemplo, durante este mesmo inverno, previndo e actuando durante os temporais de neve e xeo que afectaron a provincia de Lugo.

Custos financiables

O Presidente destacou que cada grupo ten as súas características especiais, baseadas no territorio no que se encontra. É por iso polo que o Goberno da Deputación habilitou esta liña na que cada municipio pode destinar ata 4.000 euros a financiar melloras nos grupos de Protección Civil de cada municipio. Poderanse financiar, con cargo ao orzamento da Deputación gastos correntes, como a contratación de subministros, como maquinaria; ou a execución de investimentos con obras de mellora nas bases que dispoñen os profesionais.

42 agrupacións

Na provincia de Lugo son 42 as agrupacións de Protección Civil, que engloban a máis de 2.000 voluntarios, noutros tantos municipios lucenses. Os Concellos son: Baleira, Barreiros, Becerreá, Burela, Carballedo, Cervantes, Cervo, Chantada, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, O Incio, Lourenzá, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Negueira de Muñiz, Ourol, A Pobra do Brollón, Palas de Rei, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Ribas de Sil, Riotorto, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, O Valadouro, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove

Sonidos

Información sobre el documento

Diputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000