Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

12/03/2018

O Goberno da Deputación promove un simposio sobre enerxía e clima aberto ao público e gratuíto

- A xornada terá lugar o vindeiro martes no salón de actos do Pazo de San Marcos e reunirá a reputados expertos no estudo do cambio climático, contaminación atmosférica e aforro enerxético. Tamén haberá un roteiro urbano pola cidade de Lugo

- Fernández Queipo inaugurou este luns a exposición sobre o cambio climático e a enerxía, organizada polo Goberno da Deputación coa colaboración de ADEGA

- O Deputado explicou que “a mostra que hoxe inauguramos está composta por 13 paneis co obxectivo de achegar a problemática do cambio climático, os seus impactos e consecuencias dende a perspectiva da acción social”

- Estas accións enmárcanse na iniciativa global A Hora do Planeta, que se celebra mundialmente o último sábado de marzo de cada ano e consiste nun apagamento eléctrico voluntario durante unha hora ao que tamén se suma a Deputación

- Con esta acción simbólica, preténdese concienciar á sociedade sobre a necesidade de adoptar medidas fronte ao cambio climático  e as emisións contaminantes, así como aforrar enerxía e minorar a contaminación lumínica

120318 PRESENTACIÓN SIMPOSIO E EXPOSICIÓN

O Goberno da Deputación promove o vindeiro martes 20 de marzo un simposio sobre enerxía e clima aberto ao público e totalmente de balde, así o avanzou o Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo. Fixoo antes de inaugurar a exposición sobre o cambio climático e a enerxía, organizada polo Goberno da Deputación, co apoio de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia), que estará aberta ata o vindeiro sábado 24 de marzo no Pazo de San Marcos. No acto tamén participou o responsable deste colectivo, Fins Eirexas. O Deputado de Medio Ambiente explicou que “estes proxectos enmárcanse na iniciativa global A Hora do Planeta, que se celebra mundialmente o último sábado do mes de marzo de cada ano e consiste nun apagamento eléctrico voluntario durante unha hora”.

Fernández Queipo subliñou que “no simposio da vindeira semana contaremos coa participación de reputados expertos no estudo do cambio climático, a contaminación atmosférica e lumínica, así como o aforro enerxético. Como clausura para a xornada haberá un roteiro vespertino urbano pola cidade de Lugo para avaliar a contaminación lumínica e a problemática da iluminación exterior”.

Por outra banda, o Deputado explicou que “a mostra que hoxe inauguramos está composta por 13 paneis e elaborada coa colaboración do CENEAM (Centro Nacional de Educación Ambiental) co obxectivo de achegar a problemática do cambio climático, os seus impactos e consecuencias dende a perspectiva da acción social”.

Esta exposición nace do Proxecto Europeo de Acción Educativa polo Clima, Clarity, para contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e as respostas que se poden artellar para facerlle fronte, tanto por parte das institucións e das empresas, como pola da cidadanía.

Nos paneis repásanse as causas e consecuencias do cambio climático, e como este fenómeno afecta aos ecosistemas e á sociedade. Unha parte importante da mostra traballa as accións e actitudes positivas que debe emprender a cidadanía para mitigar os efectos do quecemento global, e como tamén os Gobernos, Concellos e ONGs poden contribuír.

A mostra permanecerá aberta até o vindeiro sábado 24 de marzo, data na que centos de cidades de todo o planeta apagarán a iluminación dos principais monumentos públicos entre as 20:30 e as 21:30 horas. A Deputación de Lugo tamén se une a esta iniciativa denominada A Hora do Planeta.

Programa da xornada Enerxía e clima – A hora do planeta

Mañá (10.30 -14.00 Horas)

- 10:30 Horas. Benvida institucional e contextualización.

- 10.45 Horas. 0 cambio climático: impactos e previsións. Pablo Ramil, director do IBADER e experto/a do panel científico galego contra o cambio climático.

- 11:30 Horas. Debate

- 11.45 Horas. Pausa Café

- 12.00 Horas. A contaminación das fontes de xeración enerxética. Ramón Varela Díaz, experto en contaminación atmosférica.

- 12.45 Horas. Crise enerxética e decrecemento no marco dos acordos de París. Xoán Doldán, USC.

- 13:30 Horas. Debate.

Tarde (16.30 -19.00 Horas)

- 16:30 Horas. O modelo enerxético ga/ego. Adrián Dios Vicente, USC.

- 17:15 Horas. A factura eléctrica: aforro e eficiencia no fogar. Pablo Álvarez Fernández, Coop. Nosa Enerxía.

- 18:00 Horas. A problemática da contaminación lumínica. Fins Eirexas, ADEGA

- 18:45 Horas. Debate.

- Roteiro vespertino urbano pola cidade de Lugo (20.00 a 22.00 Horas) para avaliar a contaminación lumínica e a problemática da iluminación exterior.

A Hora do Planeta

A Hora do Planeta celébrase o último sábado do mes de marzo de cada ano e consiste nun apagamento eléctrico voluntario, no que se pide a fogares, empresas, institucións e demais edificios que apaguen as luces e outros aparellos eléctricos non indispensables durante unha hora. Con esta acción simbólica, preténdese concienciar á sociedade sobre a necesidade de adoptar medidas fronte ao cambio climático e as emisións contaminantes, así como aforrar enerxía e minorar a contaminación lumínica.

Sonidos

Imáxenes

120318 IMG_0271 120318 IMG_0272

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000