Emblema de la Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas ciudadanas
Boletín Oficial de la Provincia de Lugo
Empleo público
Perfil del Contratante

Actualidad

06/03/2018

O Goberno da Deputación renova os contratos de patrocinio co Lugo e Breogán cun marcado carácter social e turístico

- O Executivo aprobou hoxe na Xunta de Goberno os contratos de patrocinio cos clubs lucenses por un importe máximo de 740.000 euros para promover os recursos da provincia e impulsar a integración social, igualdade ou superación a través do deporte

- Por primeira vez, o Goberno decidiu equiparar  a contía das achegas para ambos clubs, correspondéndolle a cada entidade 370.000 euros. Os contratos terán unha duración dun ano, comprendendo dúas temporadas deportivas: 17-18 e 18-19

- Campos Conde subliñou que “empregamos de novo a fórmula de colaboración, totalmente pioneira, que arrancamos fai dous anos, e coa que tamén buscamos o maior beneficio para o conxunto da nosa provincia e de todos os lucenses”

- “Ambos clubs comprométense a participar activamente en actuacións sociais como visitas a hospitais, campañas contra a violencia de xénero ou loita contra o cancro, partidos benéficos ou encontros mixtos para promover a igualdade”, apuntou

- “Outro aspecto a destacar é a promoción do deporte base lucense, pois o Lugo conta con máis de 300 xogadores nas súas categorías inferiores, mentres que a canteira do Breogán, vinculada ao Estudiantes, está composta por 500 rapazas e rapaces”

060318 XUNTA DE GOBERNO

O Presidente, Darío Campos Conde, avanzou este martes que “a Xunta de Goberno vén de aprobar a renovación dos contratos de patrocinio co CD Lugo e o CB Breogán, cun marcado carácter social e turístico, e demostrando unha vez máis que somos a administración que máis aposta polo deporte na provincia”. Deste xeito, o Executivo puxo en marcha o proceso de contratación dos patrocinios, por un importe máximo de 740.000 euros, entre a institución e o Club Deportivo Lugo e Club de Baloncesto Breogán, as dúas entidades deportivas con maior peso social e repercusión mediática na provincia de Lugo. Por primeira vez, o Goberno da Deputación decidiu equiparar a contía das achegas para os dous clubs, correspondéndolle a cada entidade 370.000 euros. O contrato con ambas entidades terá unha duración dun ano, ata o 31 de decembro, comprendendo dúas temporadas deportivas: a 2017-2018 e a 2018-2019.

Campos Conde subliñou que “empregamos de novo a fórmula de colaboración, totalmente pioneira, que arrancamos fai dous anos, e coa que tamén buscamos o maior beneficio para o conxunto da nosa provincia e de todos os lucenses. A través dos contratos de patrocinio ambos clubs comprométense a participar activamente en actuacións sociais como visitas a hospitais, campañas contra a violencia de xénero ou loita contra o cancro, partidos benéficos ou encontros mixtos para promover a igualdade a través do deporte. Por outra banda, os contratos tamén teñen contraprestacións para a provincia en materia de turismo, pois promoverase a marca Lugo ao longo do territorio nacional e daranse a coñecer os recursos turísticos, culturais, naturais, patrimoniais, e produtos autóctonos de todas as comarcas lucenses. Un terceiro aspecto a destacar é a promoción do deporte base lucense. Hai que ter en conta que o Lugo conta con máis de 300 xogadores nas súas categorías inferiores, mentres que a canteira do Breogán, vinculada ao CB Estudiantes, está composta por preto de 500 rapazas e rapaces”.

Contraprestacións no eido social

O Goberno da Deputación busca con esta fórmula que o apoio económico que presta aos principais clubs da provincia redunde en beneficio de todos os lucenses a través de diferentes accións de carácter social que se contemplan nos contratos. Así, o patrocinio asinado co Breogán para a tempada 2016-2017 supuxo a realización de 21 visitas a centros de ensino, asociacións deportivas e culturais, así como entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia de Lugo coa presenza de xogadores e técnicos, e onde se repartiron ata 15.000 entradas para os encontros do club celeste.

Leváronse a cabo 6 visitas a hospitais e centros de saúde de toda a provincia de Lugo, entre os que se atopan o Hula, Cogami, Centro de Maiores de Abeiro, Centro de Recuperación de ALUCEM, Párkinson de Lugo ou ASPNAIS, co obxecto de animar e dar forza ás persoas enfermas ou con algún tipo de doenza.

Por outra banda, cada partido que o Breogán disputou como local no Pazo Provincial dos Deportes dedicouse a visibilizar e dar a coñecer o traballo de asociacións sen ánimo de lucro da provincia como Somos Unidos Contra o Cancro, Protectora de Animais de Lugo, Asociación de Párkinson, ALUCEM, ASPNAIS, Cáritas, UNICEF, ASORLU, ou o Banco de Alimentos entre outros. Tamén se celebraron días solidarios a modo de concienciación sobre diferentes temáticas como a Doazón de Sangue, o Día Mundial contra o Cancro, Día Contra a Violencia de Xénero, etcétera.

Así mesmo, organizáronse cinco charlas sobre temas relacionados cos hábitos de vida saudables, a práctica da actividade físico-deportiva e o baloncesto como elemento de inclusión social, con entrada totalmente de balde para todos os lucenses.

Promoción turística do conxunto da provincia

Ademais da participación en actividades de carácter social, o contrato de patrocinio asinado entre a Deputación e os dous clubs lucenses incide no seu papel como embaixadores da provincia, levando o nome de Lugo e todas as súas potencialidades ao longo do territorio nacional e, deste xeito, contribuíndo a dinamizar a economía da provincia a través do turismo.

Neste punto, cómpre subliñar que no streaming dos partidos do Breogán emitiranse spots promocionais da provincia; e tamén a web do club e as súas redes sociais (Twitter, Instagram ou Facebook) serán canles de promoción dos recursos de Lugo. A media de persoas que seguen os partidos do Breogán a través de streaming é de 6.000 persoas, sendo o club da LEB Ouro máis seguido a través desta canle. A súa páxina web conta con preto de 70.000 visitantes únicos durante a tempada; en Facebook ten máis de 7.000 seguidores, en Twitter preto de 11.000, e en Instagram uns 2.600.

Así mesmo, durante os partidos do CD Lugo no Anxo Carro emitiranse vídeos promocionais de todas as comarcas lucenses, dando a coñecer os nosos recursos turísticos, culturais, naturais, patrimoniais, e produtos autóctonos. Cómpre sinalar que a entrada media ao estadio é de 3.800 espectadores por partido. É dicir, preto de 80.000 persoas ao longo do ano, o que da boa conta da repercusión directa que supón a efectos de visibilidade.

Impulso do deporte base

O terceiro piar dos contratos de patrocinio é o impulso do deporte base. Neste senso, a entidade provincial promoveu a sinatura de convenios entre o CD Lugo e outros trece clubs de fútbol da provincia. Estes son: SD Porto Burela, CF Monforte, Monterroso SD, Antas SD, SD Chantada, CD Foz, Sporting Pontenova, Mondoñedo Ciudad, Escolas Deportivas Lourenzá, CD San Ciprián, CD Castro, Palas CF e CD Cospeito. Os acordos contemplan a colaboración activa na formación dos adestradores e a cesión de medios técnicos e materiais deportivos permitindo que diferentes clubs da provincia unan sinerxías en torno ao equipo de fútbol referencia da provincia e, deste xeito, poidan crecer da man, fomentando o deporte base lucense.

Sonidos

Información sobre el documento

Diputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000