Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

06/03/2018

Uns 30.000 turistas visitarán Viveiro durante a Semana Santa internacional coa que colabora o Goberno da Deputación

- O Executivo achega 25.000 euros para esta cita, pois supón un revulsivo económico non só para o Concello, senón tamén para a Mariña e o conxunto da provincia. Tamén colabora coa carpa Antesala dun Museo, onde están expostos os diferentes pasos

- Campos Conde destacou “a grande dimensión que ten acadado a Semana Santa de Viveiro, un dos principais reclamos turísticos da Mariña Lucense e, sen dúbida, un dos eventos que consegue atraer a máis visitantes nacionais e internacionais”

- Loureiro García agradeceu “o compromiso do Goberno Provincial coa cita” e lembrou a figura de Melchor Roel “clave para entender o que hoxe en día representa a Semana Santa, posto que foi capaz de unificar o esforzo dos máis de 3.000 confrades”

- A Deputación colaborou co Concello de Viveiro e a Xunta de Confrarías para que a Semana Santa viveirense, que é de Interese Turístico Nacional dende o ano 1988, recibise esta distinción a nivel internacional no 2013

060318 PRESENTACIÓN SEMANA SANTA VIVEIRO

O Presidente, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, presentaron este martes, no salón de actos do Pazo de San Marcos, a Semana Santa internacional de Viveiro, que conta co apoio do Goberno da Deputación, cunha achega de 25.000 euros, pois supón un importante revulsivo económico, non só para o Concello, senón tamén para a Mariña e o conxunto da provincia. Ademais, o Executivo tamén colabora coa carpa Antesala dun Museo, onde están expostos os diferentes pasos da Semana Santa; así como con actividades de promoción e posta en valor da cita como atractivo turístico da provincia de Lugo, capaz de xerar riqueza.

No acto tamén participou o Presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa, José Veiga Golpe. Este colectivo representa ás 8 confrarías viveirenses: “Venerable Orden Tercera”, “Cofradía del Santo Rosario”, “Cofradía del Santísimo Cristo de la Piedad”, “Hermandad del Prendimiento”, “Hermandad de las Siete Palabras”, “Hermandad de la Santa Cruz”, “Nazareno dos de Fóra”, e “Misericordia”.

Campos Conde destacou “a grande dimensión que ten acadado a Semana Santa de Viveiro, sendo un dos principais reclamos turísticos da Mariña Lucense e, sen dúbida, un dos eventos que consegue atraer a máis visitantes á nosa provincia chegados de todos os puntos de España e tamén doutros países. Neste senso, cómpre subliñar que a Semana Santa move, de media, a unhas 30.000 persoas, coa consecuente repercusión económica que isto supón, acadando unha ocupación hoteleira no municipio do 100% ”.

O Presidente engadiu que “froito do traballo que o Concello de Viveiro desenvolveu conxuntamente coas confrarías, hoxe en día podemos presumir de celebrar na provincia de Lugo unha das Semanas Santas máis importantes de España, cun amplo programa de actos e a implicación de toda a veciñanza”.

Pola súa parte, Loureiro García agradeceu “o compromiso do Goberno Provincial con esta cita” e lembrou a figura de Melchor Roel “unha persoa clave para entender o que representa hoxe a Semana Santa, posto que foi capaz de unificar o esforzo dos máis de 3.000 confrades, -máis do 20% da poboación total de Viveiro-, mediante o impulso á Xunta de Confrarías”.

A Deputación de Lugo colaborou co Concello de Viveiro e a Xunta de Confrarías para que a Semana Santa viveirense, que é de Interese Turístico Nacional dende o ano 1988, recibise esta distinción a nivel internacional no 2013. Así mesmo, a través da Fundación TIC elaborou varios traballos audiovisuais, difundindo a Semana Santa viveirense en destacadas citas como FITUR.

Máis de 185.000 euros

O Goberno da Deputación de Lugo leva colaborado intensamente co Concello de Viveiro e a Xunta de Confrarías para promover e pór en valor a Semana Santa deste concello mariñán, un reclamo turístico xa consolidado na provincia. Faino debido á importancia desta cita para a economía local e provincial pois, cada ano, son máis as persoas chegadas de todos os recunchos de España; así como doutros países, as que deciden gozar dun evento que conta co distintivo de Interese Turístico Internacional dende o ano 2013, candidatura promovida polo Goberno Provincial.

Ademais, nos últimos anos o Executivo Provincial achegou máis de 185.000 euros para colaborar na organización dos actos; así como coa propia Xunta de Confrarías. Realizáronse tamén ducias de obradoiros para nenos, a través da TIC da Deputación e do CENTRAD.

Sonidos

Información sobre el documento

Diputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000