Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

06/02/2018

Deputación, Concello e USC financian con 60.000 euros unha nova programación do Lugo Cultural

- Ciclos de música clásica e contemporánea, danza, teatro, videocreación, performance ou fotografía son só algunhas das actividades desta nova edición

- García Porto avanzou que “na pasada edición participaron no Lugo Cultural máis de 5.000 persoas en 74 actividades. Con esta iniciativa contribuímos a dar resposta a iniciativas culturais na capital lucense”

- Lugo Cultural é o convenio de colaboración da Deputación, Concello de Lugo e Universidade de Santiago de Compostela co que se ofrecen actividades lúdico-culturais durante todo o ano

- O guitarrista David Antigüedad abre ‘Músicas a Carón da Mosqueira’ o día 19 na Casa do Saber, o grupo ‘De Vacas’ trae a súa música ao Círculo das Artes o 22 no ‘Lubicán’

060218 PRESENTACION-USC LUGO CULTURAL

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre Vázquez, e o Vicerreitor do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, presentaron este martes, no Vicerreitorado, a nova programación de actividades gratuítas do Lugo Cultural. Están enmarcadas no convenio de colaboración da Deputación, Concello de Lugo e Universidade de Santiago de Compostela, dotado de 60.000 euros. Cada entidade achega 20.000 euros.

García Porto avanzou que “na pasada edición participaron no Lugo Cultural máis de 5.000 persoas, nun total de 74 actividades, polo tanto estamos falando dun programa amplo e con moito éxito entre o público lucense. Con esta iniciativa contribuímos a dar resposta a iniciativas culturais na capital lucense”.

A Deputada explicou que “o Goberno da Deputación colabora de maneira activa coa USC, a través do Lugo Cultural, para ofrecer un amplo e completo cartel de actividades lúdico-culturais totalmente gratuítas aos lucenses durante todo o ano, ao mesmo tempo que difundimos o traballo de artistas galegos en espazos de relevancia cultural como a Casa do Saber ou a Domus de Mitreo”.

Música

Músicas a carón da Mosqueira é o ciclo que impulsa a novos creadores e intérpretes dentro da música clásica, e conta cun total de 8 concertos. Terán lugar todos os luns de febreiro a marzo, na Casa do Saber ás 20:00 horas. Ademais como actividade complementaria os visitantes desfrutarán da Noite na Domus de Mitreo coa actuación de Solo Voces, os días 2 marzo e 11 de maio, e o 6 abril e 1 de xuño, con Germán Díaz. Ademais, haberá visita guiada co arqueólogo Celso Rodríguez acompañado de musica en directo. Este ano, como novidade quérese facer participes aos mozos lucenses que comezan a súa carreira, por iso, realizáranse concertos na zona da Calzada. A cita será os luns 5 de marzo, 2 de abril e 7 de maio.

Lubicán un ciclo para potenciar a presentación de novos traballos da música galega que terá lugar os últimos xoves de febreiro, marzo, abril e maio. Serán 4 concertos e unha proxección moi especial, arrancando o 22 de febreiro De Vacas; o 15 de marzo Proxección especial de Dhogs; o 26 de abril Caxade, e o 31 de maio Sonoro Maxin. Haberá actividades complementarias cos Xoves de Moda, que se celebrarán o 1 de marzo, 11 de abril e 10 de maio. Trátase dun foro no que poder achegar diferentes experiencias dentro das artes. Neles, haberá encontros co director de cine Andrés Goteira e o produtor Suso López, a actriz Nate Borrajo, a pianista e compositora María Mendoza músico e o bailarín Toni Jodar (esta última actividade en colaboración co Conservatorio de Danza de Lugo).

Tamén formaran parte desta ampla programación musical os Sons Creativos. Celebraranse dende 3 ao 6 de maio. Tendo en conta a labor do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes Lugo, xunto coa música experimental do Campus, artellouse este ciclo que cada vez resulta máis integrador coa cidade e que presenta a vangarda na música contemporánea, e que se interrelaciona con outras artes máis innovadoras como a videocreación e a performance.

Artes escénicas

O teatro, outro referente do Lugo Cultural, celebrará o Festival de Teatro Universitario dende o 14 ao 22 de marzo. Hai que lembrar que Aula de Teatro da USC-Lugo foi berce de moitos dos que hoxe se adican de maneira profesional ao teatro. Este Festival nace como foro de encontro entre as diferentes compañías de teatro de Galicia. O teatro universitario é o que experimenta e está na vangarda. Tamén dende hai anos un día dedícase a alumnos/as de teatro que están traballando en escolas de fóra de Lugo para que expoñan os seus microproxectos. A compañía de teatro da USC aposta este ano por un estudio teatral sobre Woyzeck e Kantor.

O encontro de danza universitaria, que terá lugar dende o 23 ao 24 de marzo, manterá con outras universidades no Vello Cárcere, con traballos de experimentación e creación.

Fotografía

En setembro volve o Maratón Fotográfico do Campus e a Findecurta (13 ao 17 de abril). Ademais está prevista a realización de diferentes performances en diversos espazos da cidade.

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000