Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

11/01/2018

A Deputación ofrece a maiores 51 obradoiros gratuítos sobre novas tecnoloxías con 731 prazas

- O Presidente presentou a programación de cursos e obradoiros para o 1º trimestre de 2018 do In Lugo, nun encontro na capital con ducias de usuarios

- Hai cursos básicos sobre o uso de Internet e móbiles ou talleres máis específicos como os de banca electrónica, Messenger, Whatsapp, retoque fotográfico....

- Aberta a solicitude en www.fundaciontic.org, www.deputacionlugo.gal e 982-22-51-86. No 2017, as prazas esgotáronse en horas e a participación superou as 2.500 persoas

110118 Obradoiros

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Concelleira de Benestar Social de Lugo, Ana González Abelleira, presentou este xoves as actividades do In Lugo para o primeiro trimestre do 2018, que inclúe 51 cursos e obradoiros sobre novas tecnoloxía cun total de 731 prazas, dirixidas todas elas a maiores da provincia. Campos Conde deu conta da nova programación do que é o 1º centro de innovación social de Galicia nas instalacións do mesmo, na capital luguesa, nun encontro cos ducias de usuarios.

“A Deputación, a través da TIC, renova o seu compromiso cunha actividade que vai moito máis alá da formación. O fomento do uso das novas tecnoloxías entre os maiores da provincia desempeña un importante labor social do que me sinto especialmente satisfeito. Ademais, vese reflectido na alta demanda, xa que as diversas actividades organizadas en 2017 superaron os 2.500 usuarios”.

O Presidente subliñou a utilidade das novas tecnoloxías e apuntou que “axúdannos no noso día a día e permiten que esteamos en contacto cos nosos seres queridos e coa sociedade en xeral, algo especialmente importante cando nos imos facendo maiores, porque promoven un envellecemento activo e favorecen a nosa autonomía”.

Campos dixo aos usuarios que asistiron ao acto que “sodes a mellor proba de que aprender non ten idade, e todo un exemplo para aquelas persoas que cren que son demasiado maiores para introducirse neste mundo. Por iso anímoas a que venzan eses medos e comproben por elas mesmas que o uso de Internet ou dos móbiles é moito máis doado do que parece”.

Novidades da programación

Das 51 actividades que inclúe a programación do primeiro trimestre, 28 serán cursos ordinarios. “Haberá, coma sempre, cursos básicos de uso de Internet ou móbil para aqueles que estean empezando. Entre as novidades destacan obradoiros máis específicos, como os de banca electrónica ou talleres de mensaxería como Messenger ou Whatsapp. Tamén se incrementará o número de talleres dedicados ao retoque fotográfico, unha das actividades máis demandadas polos usuarios”, apuntou o Presidente.

Os outros 23 cursos serán de repaso. “Neste caso están especialmente destinados aos maiores que xa participaron nos cursos habituais. O obxectivo é refrescar o aprendido, polo que teñen uns contidos moi prácticos”.

Xa está aberto o prazo de inscrición

O máximo responsable provincial anunciou que o prazo de inscrición para o primeiro trimestre se abre este mesmo xoves, 11 de xaneiro, e animou aos interesados “a que se apunten canto antes xa que as prazas soen cubrirse ás poucas horas. De feito, en 2017 houbo máis do dobre de inscritos que de prazas”. Poden apuntarse a través das webs www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou chamando ao teléfono 982 225 186.

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000