Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

12/12/2017

Preto de 200 veciños de Taboada participan nas Escolas Deportivas coas que colabora o Goberno da Deputación

- O Deputado de Deportes mantivo un encontro con usuarios do ximnasio municipal, onde se imparten as actividades de aeróbic, step, zumba, ximnasia de mantemento, spining e pilates. A programación inclúe actividades infantís e para adultos

- O Goberno da Deputación colabora co Concello cunha achega de 1.200 euros na organización das diferentes actividades que se ofertan a través das Escolas. Este ano, como novidade, incorporáronse as modalidades de TRX e running

- Rivera Capón informou que a este investimento en deporte cómpre engadir os 170.000 euros que achega o Executivo á mellora do campo de fútbol da Medela e 9.000 euros para a celebración do Campionato Galego de Inverno de Piragüismo

deputacion-visita Taboada escolas deportivas

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Alcalde de Taboada, Ramiro Moure Ansoar, mantiveron un encontro este martes con usuarios das Escolas Deportivas Municipais, coas que colabora o organismo provincial. Son 1.200 euros os que destina o Goberno da Deputación a financiar estas actividades, nas que participan preto de 200 veciños desta localidade de todas as idades.

Rivera Capón informou que a este investimento en deporte cómpre engadir os 170.000 euros que achega o Executivo Provincial á mellora do campo de fútbol da Medela e 9.000 euros para a celebración do Campionato Galego de Inverno de piragüismo no embalse de Belesar, na parte de Taboada, que reuniu a equipos de toda Galicia.

“As instalacións da Medela son empregadas a diario polos usuarios das Escolas Deportivas na modalidade de fútbol, unha das máis demandadas. Ademais, este ano incorporáronse as actividades de TRX e running, atendendo as demandas dos preto de 200 veciños que participan nas Escolas”.

O Deputado de Deportes lembrou que “somos a administración que máis inviste en Deporte na provincia, pois consideramos que investir en deporte é investir no benestar de todos os nosos veciños. Ademais, colaboramos coas Escolas Deportivas de numerosos municipios para facilitar a práctica deportiva e a igualdade de oportunidades de todos os lucenses vivan onde vivan”.

Actividades adaptadas para as diferentes idades

As Escolas Deportivas de Taboada ofertan actividades adaptadas para as diferentes idades que se desenvolven entre o Pavillón Municipal, o campo de fútbol da Medela e o ximnasio do Concello. Deste xeito, o público infantil pode optar por psicomotricidade, zumba, baile, batuka e patinaxe. Pola súa parte, os adultos dispoñen de actividades de patinaxe, fútbol, fútbol sala, kárate, ballet, baloncesto, running, bádminton, modalidade na que dispoñen de equipos que compiten en deporte escolar. Mentres que no ximnasio, impártense actividades de aeróbic, step, zumba, ximnasia de mantemento, spining, sesións de pilates e TRX.

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000