Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

01/12/2017

A Deputación recibe 5 recoñecementos no último mes pola súa labor social dende a Rede Museística Provincial

- O Presidente fixo este anuncio na inauguración da mostra Fotografía a Cegas IV Trato-Retrato que estará exposta no Refectorio do Museo ata o 6 de xaneiro e na que participaron 15 invidentes coa axuda de profesionais, artistas e persoal dos 4 museos

- Campos Conde subliñou que “somos unha Deputación social e comprometida coas persoas, e vímolo demostrando no día a día. Froito do noso compromiso por conseguir unha sociedade máis xusta e inclusiva, no último mes recibimos 5 recoñecementos”

- “Querémonos adiantar ao Día da Discapacidade, que se celebra o domingo,pois consideramos que as efemérides están aí para unha chamada de atención, pero para a Deputación os 365 días do ano son que hai que traballar na eliminación de barreiras”

- Tamén se presentou o proxecto internacional Guerrilla de palabras: o oficio de palabreiro/a, no que participa a Rede Museística e que vén de ser seleccionado por Ibermuseos para desenvolverse en 2018 entre as cidades de Cali e Lugo

011217 FOTO MUSEO IV

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, avanzou este venres que o Goberno da Deputación recibiu no último mes 5 recoñecementos pola súa labor social dende a Rede Museística Provincial. Así o informou na inauguración da mostra Fotografía a Cegas IV Trato-Retrato que estará exposta no Refectorio do Museo ata o 6 de xaneiro e na que participaron 15 invidentes coa axuda de profesionais, artistas e persoal dos 4 museos. “Énchenos de orgullo poder facer este anuncio cando precisamente o domingo celebramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, aínda que a nós non nos gusta utilizar este termo, xa que consideramos que non existen persoas con discapacidade, senón persoas con capacidades diferentes”, apuntou.

Campos Conde informou que “os 5 recoñecementos que recibiu o Goberno pola súa defensa dos dereitos das persoas son: Fundación Anade, pola integración social 2017, por todos os proxectos en defensa da plena inclusión; fomos incluídos no Banco Galego de Boas Prácticas en Xestión Cultural polo plan de inclusión que temos en marcha na Rede Museística; o proxecto Nos+utrxs en Rede recibiu a mención de honra no Premio Iberoamericano de Educación e Museos, polo seu papel en prol da igualdade de xénero; así mesmo, o proxecto Guerrilla de palabras: o oficio de palabreiro é unha das dúas iniciativas internacionais seleccionadas por Ibermuseos para desenvolver no próximo ano; e, finalmente, o MINOM recoñeceu a labor social da Deputación elixíndoa a nivel mundial para custodiar o seu arquivo documental”.

“Creo que é necesario subliñar que a Rede Museística da Deputación é un exemplo de implicación e colaboración cos diferentes colectivos de persoas con capacidades diferentes. De feito, as instalacións nas que hoxe nos atopamos son unha boa mostra de que somos unha institución que pelexa porque non existan barreiras. Pois os nosos museos son un exemplo de accesibilidade en Galicia”, apountou .

15 invidentes protagonistas da nova edición de Fotografía a cegas

O Presidente informou destes recoñecementos durante a inauguración da mostra Fotografía a cegas IV. Trato-Retrato na que tamén participaron a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e a Concelleira de que estará exposta no Refectorio do Museo Provincial de Lugo ata o 6 de xaneiro. Nesta mostra amósanse fotografías dos participantes deste proxecto da Rede Museística Provincial de Lugo na que 15 persoas invidentes, coa axuda de profesionais, artistas e persoal dos catro museos da provincia, aprenderon a realizar fotografías cun gran valor artístico.

Campos Conde subliñou que “Fotografía a cegas representa o que a Deputación busca, loitar pola accesibilidade plena e a eliminación de barreiras. Esta nova edición da mostra é unha aposta pola evolución continua do proxecto, un proxecto que creceu e que evolucionou, un proxecto que se está itinerando e que conta cun amplo recoñecemento, pois énchenos de orgullo que museos como o Picasso o teñan entre a súa base de datos”.

O Presidente engadiu que “esta é a nosa filosofía de traballo, somos unha Deputación social e comprometida coas persoas, e vímolo demostrando no día a día. Precisamente, hoxe queremos adiantarnos ao Día Internacional das Persoas con Discapacidade que se celebra este domingo. As efemérides están aí para unha chamada de atención, pero para a Deputación de Lugo os 365 días do ano son os días que hai que traballar na eliminación de barreiras, e Fotografía a Cegas é un exemplo de accesibilidade plena”.

Proxecto seleccionado a nivel iberoamericano

O Presidente presentou tamén este venres o proxecto internacional Guerrilla de palabras: o oficio de palabreiro/a, no que participan os 4 museos da Rede Museística Provincial e que vén de ser seleccionado por Ibermuseos para desenvolverse no próximo ano entre as cidades de Cali, en Colombia, e Lugo dentro da 4ª Convocatoria Conversaciones.

Esta iniciativa parte do proxecto Culturas en Diálogo que puxo en marcha a Rede Museística da Deputación no ano 2000. O obxectivo é establecer canles de diálogo entre as dúas beiras (Cali e Lugo) que poñan en valor a posición da muller na resolución dos conflitos armados, preservando o patrimonio inmaterial (as voces femininas que traballan pola paz, mediando conflitos), e construíndo coas comunidades e colectivos un relato en feminino do proceso de paz colombiano e de reinserción da muller condenada. O proxecto será realizado a través dun conxunto de accións, como dúas grandes exposicións, unha a principios de 2018, no Museo La Tertulia de Cali, e outra en decembro do próximo ano en Lugo.

Campos Conde destacou “a labor que levamos a cabo dende a Rede Museística, sendo a única institución a nivel nacional que traballa co modelo da sociomuseoloxía. Este modelo de xestión pioneiro busca converter o museo nun elemento de dinamización e cohesión social, unha institución en permanente interacción, non só cos seus visitantes, senón tamén con todos os actores da sociedade, coproducindo con eles novas actuacións dirixidas á procura dun futuro máis sostible”.

Sonidos

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000