Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

17/11/2017

Deputación e Concello dotarán de novo céspede artificial aos campos de fútbol de Frigsa e A Cheda

- O Executivo Provincial aprobou na Xunta de Goberno de hoxe investir 500.000 euros nestas actuacións e 40.000 euros na mellora do pavillón deportivo do Valadouro

- O Presidente destacou que “somos a institución galega que máis inviste en deporte na provincia. Só en instalacións deportivas, levamos 2,7 millóns. Facémolo en solitario. A Xunta non inviste nin un só euro en Lugo pero si 1 millón en Ourense”

- A Alcaldesa subliñou que “polos campos de fútbol municipais pasan unha media de 500 persoas ao día –só polo da Cheda, máis de 150-, entre adestramentos e competicións a nivel federativo, deporte base e veteranos, o que dá boa conta do gran impacto social que terán as actuacións recollidas neste convenio”

171117 FOTO A CHEDA

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, avanzou a aprobación na Xunta de Goberno deste venres dun investimento de 500.000 euros para dotar dun novo céspede artificial aos campos de fútbol de Frigsa e A Cheda. Campos Conde adiantou que na sesión tamén se acordou investir 40.000 euros na mellora do pavillón deportivo municipal do Valadouro.

“Con estas actuacións, levamos achegado, no último ano e medio, case 2,7 millóns de euros só na mellora de instalacións deportivas públicas de 25 Concellos. Somos a administración galega que, sen dúbida, máis inviste en deporte na nosa provincia, aínda non ser a institución coas competencias directas na materia, nin, moito menos, a de máis fondos públicos, pois esta é, en todos os casos, a Xunta de Galicia”, destacou.

O Presidente engadiu que “dende o Goberno da Deputación temos un firme compromiso polo deporte como motor social e económico, así como grande promotor de vida saudable e de valores sociais vitais, como o compañeirismo ou a superación. Creo que o demostramos con feitos: só na mellora de instalacións deportivas públicas e municipais levamos investido en ano e medio uns 2,7 millóns de xeito solitario. A Xunta non colabora coa provincia de Lugo pero si coa de Ourense, onde aprobou un convenio de 1 millón de euros para mellorar instalacións deportivas desta provincia. É unha mostra máis da discriminación que ten a Xunta de Galicia coa provincia de Lugo”.

A Cheda e Frigsa

Deputación e Concello mellorarán con 235.000 euros o campo de fútbol da Cheda e con 265.000 euros o de Frigsa. As obras nestes dous campos consistirán na renovación do sistema de céspede artificial, que debido ao desgaste, xa aconsella a súa renovación. Con este investimento dotarase a estes dous campos de fútbol dun céspede de ultima xeración e adaptado ás normas e esixencias actuais.

Campos Conde subliñou que “o fútbol é unha das modalidades deportivas que máis éxito ten en Lugo, e en toda a provincia, só na capital conta con máis de 3.000 fichas federativas, dun total de 41 clubs deportivos. Ademais hai que ter en conta que a maioría destes equipos contan con categorías inferiores, que tamén promocionan a práctica deste deportes entre os mais cativos”.

A Alcaldesa agradeceu “a sensibilidade e apoio” que sempre amosa a Deputación cara a cidade de Lugo, o que se traduce neste convenio para a mellora dos campos de fútbol municipais, pero tamén noutros proxectos conxuntos que xa están en marcha, como a humanización da avenida Duquesa de Lugo, cun investimento de 1 millón de euros, o Plan Único, con 530.000€ de achega, ou o alumeado do Paseo do Rato, adxudicado por 750.000€.

A mellora dos campos de fútbol dá resposta a unha “crecente e xusta” demanda dos usuarios, pois os céspedes da Cheda e Frigsa non se renovan dende hai máis de 10 anos, o período que se estima de vida útil, explicou Méndez.

Polos campos de fútbol municipais pasan unha media de 500 persoas ao día –só polo da Cheda, máis de 150-, entre adestramentos e competicións a nivel federativo, deporte base e veteranos, o que dá boa conta “do gran impacto social que terán as actuacións recollidas neste convenio”, subliñou a rexedora.

A maiores destas melloras que se acometerán en colaboración coa Deputación, o Goberno local, cun investimento de 230.000€ de fondos propios que prevé consignar nos Orzamentos do 2018, renovará o céspede do campo das Gándaras I, colocado no ano 2008. Deste xeito, para unha vindeira fase, restarán os das Gándaras II e Polvorín.

A Alcaldesa destacou o compromiso do Concello co deporte, ao que destina máis de 3 millóns de euros ao ano no orzamento, porque favorece un estilo de vida san, inculca valores e dinamiza a vida social e económica de Lugo.

Pavillón municipal do Valadouro

O Presidente avanzou que na Xunta de Goberno tamén se aprobou un investimento de 40.000 euros para o arranxo do Pavillón Deportivo. “No Concello do Valadouro investimos 40.000 euros para a substitución da cuberta do pavillón polideportivo e tamén para melloras nas instalacións interiores, como por exemplo; mellorar o alumeado con lámpadas LED, dotar con bombas de calor os vestiarios deste complexo deportivo e mudar as portas dos aseos. Grazas ao investimento da Deputación estas obras serán unha realidade, ante a negativa da Xunta a financiar as mesmas”.

Cómpre subliñar que 100 nenos e nenas empregan estas instalacións deportivas a diario. Ademais este espazo utilizase para levar a cabo diferentes actividades lúdicas e sociais como o Baile de Disfraces do Concello ou o Campionato de Tiro con Arco. Así mesmo, o pavillón é empregado polos rapaces do colexio do Valadouro durante os seus recreo.

2,7 millóns só na mellora de instalacións deportivas pública e municipais

O Goberno da Deputación leva achegado nos último ano e medio uns 2,7 millóns de euros só na mellora de instalacións deportivas públicas e municipais. Os investimentos que aprobou por dita cantidade son os seguintes: As Nogais: cuberta da Pista de Tenis: 76.872 euros; Baralla: piscina na praia fluvial, 119.000 euros; Burela: vestiarios e accesos ao Campo de Fútbol da Marosa, 100.000 euros; Carballedo: 1ª fase da construción dun Campo de Fútbol de herba artificial, 99.387 euros; Cervo: pista de Padel, 92.637 euros; Chantada: acondicionamento do Pavillón Deportivo, 80.000 euros; A Fonsagrada: melloras no Campo de Fútbol, 71.059 euros; Foz: construción dun novo Hangar de Piragüismo e renovación do campo de fútbol, 200.000 euros; Guntín: mellora no Campo de Fútbol, 34.000 euros; Láncara: nova Pista Multideportiva, 39.995 euros; Lourenzá: mellora de equipamentos deportivos, 7.083 euros; Lugo: novo céspede artificial dos campos de fútbol de Frigsa e A Cheda, 500.000 euros; Monterroso: alumeado do Campo de Fútbol, 60.468 euros; Navia de Suarna: equipamento deportivo e mellora da Pista Multideportiva, 19.226 euros; O Corgo: piscina na praia fluvial Chamoso e Campo de Fútbol, 291.204 euros; O Valadouro: substitución da cuberta e melloras nas instalacións do pavillón deportivo, 40.000 euros; Ourol: reparación da Pista Polideportiva, 37.256 euros; Outeiro de Rei: Campo de Fútbol e Pista de Atletismo, 30.000 euros; Palas de Rei: Campo de Fútbol, 230.000 euros; Pantón: marcador dixital para o Campo de Fútbol, 2.788 euros; Ribeira de Piquín: melloras no Pavillón Deportivo, 17.311 euros; Sober: mellora do Campo de Fútbol, 57.955 euros; Taboada: implantación de céspede artificial no campo de fútbol, 170.000 euros; Trabada: arranxo do Pavillón Municipal, 39.700 euros; Xove: Campo de Fútbol de herba artificial, 250.000 euros.

Sonidos

Imáxenes

171117 FOTO A CHEDA II

Ver máis imáxenes

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000