Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

04/10/2017

O Goberno da Deputación promociona o uso do galego, colaborando coa Asociación de Escritores en Lingua Galega

- Trátase dun convenio de 20.000 euros co que se financian diversas actividades para promocionar aos escritores, así como a súa produción literaria en lingua galega

- Santos Ramos defendeu a necesidade de colaborar con esta asociación “sobre todo tendo en conta a situación do uso do galego pois, por exemplo, a edición de libros en galego baixou  un 13,1%  no 2016, caída que contrasta co bo momento que viven o español, o catalán e o vasco, que aumentaron”  

- O Presidente da AELG apuntou, en referencia á difícil situación do galego, que “a pesares de que non hai nada que sexa capaz derrotar a esperanza dos escritores, esta colaboración é un grito de esperanza para o idioma e para a literatura galega”

- O sábado 21 de outubro, terán lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos as X Xornadas de Literatura Oral: Palabras con Memoria. Os interesados en participar deberán formalizar a súa inscrición a través do correo oficina@aelg.org

O Goberno da Deputación promociona o uso do galego, colaborando con 20.000 euros coa Asociación de Escritores en Lingua Galega img01

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, o Presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias; e o vogal de Literatura de tradición oral de dita asociación, Antonio Reigosa, informaron este mércores dunha nova colaboración entre ambas institucións para promocionar e impulsar o uso do galego, facendo fincapé na promoción dos escritores así como da súa produción literaria. Trátase dunha colaboración de 20.000 euros do Goberno da Deputación coa que se organizará, entre outras actividades, as X Xornadas de Literatura Oral: Palabras con Memoria, que terá lugar o vindeiro 21 de outubro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

Santos Ramos valorou a precaria situación que está a sufrir o uso do galego, tanto no eido oral, como no escrito. Neste senso, apuntou que, por exemplo, a edición de libros en galego baixou nun 13,1% durante o 2016, unha caída que contrasta co bo momento que viven o español, o catalán e o vasco, que aumentaron. Ademais, no que a produción se refire, o Galego baixou nun 48%, a diferenza da produción en castelán, que se incrementou nun 7,5%; en catalán, cun 7,2%; ou en éuscaro, que foi dun 34,5 %. Cómpre subliñar que, en 2016, editáronse 86.000 títulos en todo o estado. O 85,5% deles en español, 10% en catalán, 2,1 % en vasco e, por último, o 1,5% en galego.

“Esta colaboración enmárcase dentro da nosa aposta por fomentar o uso do galego, que é o signo de identidade común que nos vencella a todos os habitantes do país e, pesares de non ter as competencias directas na materia, cremos necesario dar resposta a esta problemática, pois existe a necesidade real de que as administracións colaboremos e apoiemos ao sector literario da nosa comunidade”, apuntou.

O Presidente da AELG puxo en valor a relación da asociación co Goberno da Deputación “que foi sempre de amizade e fraternal, que nos permitiu acadar determinados obxectivos. Sen este tipo de colaboracións do Goberno da Deputación, os escritores non poderiamos levar adiante as funcións non só individuais da escritura, senón tamén as sociais”.

“Se algo está claro é que non hai nada que sexa capaz derrotar a esperanza dos escritores pero, esta colaboración, é un grito de esperanza para o idioma, para a literatura galega, e para a tradición oral, que é a base da amplísima riqueza literaria que temos no noso país”, concluíu.

Xornada de literatura Oral

Grazas á achega do Goberno da Deputación, a AELG celebrará en Lugo da X Xornada de Literatura Oral, que terá lugar o sábado, 21 de outubro, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Nesta ocasión, farase fincapé nas palabras con memoria, sobre todo no eido da toponimia, onomástica, lexicografía ou fraseoloxía.

Con esta xornada, o que se busca é recuperar palabras nosas en desuso, ou sexa, en perigo de extinción, do idioma galego; así como aquelas palabras e expresións que non recollen os dicionarios. Os interesados en participar deberán inscribirse a través do correo oficina@aelg.org.

Na xornada, participarán reputados expertos na materia como Xulia Marqués Valea; Gonzalo Navaza; Isidro Novo; Mª Rosario Soto Arias; Xesús Antón Gulías ou Marcos Escudero, entre outros. A programación é a seguinte:

Mañá

10:15 horas.- Recepción, entrega de material e inauguración

10:30-11:30 horas.- Conferencia: Os sinais de identidade na tradición oral: breve achegamento dende o sistema antroponímico galego, a cargo de Xulia Marqués Valea

11:30-12:30 horas.- Conferencia: Orfanato para ágrafas: Palabras ao ventimperio, a cargo de Isidro Novo

12:30-14:00 horas.- Mesa redonda: Saber o seu nome sen perder a súa voz, coa participación de Xulia Marqués Valea, Isidro Novo e Antonio Reigosa

Tarde

16:00-17:00 horas.- Conferencia: Presenza de valores antropolóxicos, etnográficos e míticos na fraseoloxía, a cargo de Rosario Soto Arias

17:00-18:00 horas.- Conferencia: Toponimia e lendas, a cargo de Gonzalo Navaza

18:00-19:30 horas.- Mesa redonda: O abecé do noso ADN simbólico-cultural, coa participación de Rosario Soto Arias, Gonzalo Navaza e Isidro Novo

19:30-20:30 horas.- Sesión práctica: Palabras con misterio: O Latín dos canteiros

Faladoiro co investigador Xesús Antón Gulías, e cos canteiro Marcos Escudero, Xabier Quijada e Faustino Santiago Lema.

Sonidos

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000