Emblema de la Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas ciudadanas
Boletín Oficial de la Provincia de Lugo
Empleo público
Perfil del Contratante

Actualidad

26/09/2017

Aprobadas as propostas de Campos para a mellora salarial dos bombeiros, só cos fondos da Deputación, e a xestión directa dos parques a partires do 2019

- Acordáronse no Pleno do Consorcio de Bombeiros de hoxe, no que a Xunta volveu a dicir que “estuda” incrementar a súa achega polo que se aumentarán os salarios dos bombeiros lucenses tan só cos 330.000 euros que si achegou o Goberno da Deputación
- Crearase un grupo de traballo con representantes da Deputación e agora tamén da Xunta para ampliar os informes que fixeron os organismos provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra e poder cambiar o modelo de xestión dos parques, pasando ao directo
- Campos Conde levou outras dúas propostas tamén aprobadas para estudar as denuncias feitas sobre presuntos incumprimentos nos pregos de condicións e melloras dos traballadores e do servizo; e para a regulación da bolsa de emprego dos bombeiros

Aprobadas as propostas de Campos para a mellora salarial dos bombeiros, só cos fondos da Deputación, e a xestión directa dos parques a partires do 2019

O Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros aprobou por unanimidade este luns as propostas que levou o Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, para mellorar os salarios dos bombeiros cando menos cos 330.000 euros que este ano si achegou a maiores o Goberno Provincial a este organismo precisamente para este fin e non así a Xunta de Galicia; e a creación dun grupo de traballo para o cambio de xestión dos parques, pasando ao público, a partires do 2019, que é cando rematan os contratos das empresas que actualmente se ocupan da mesma, no que tamén participe a administración autonómica, pois, ata o de agora, só traballaron neste eido de xeito solitarios as Deputación de Lugo, A Coruña e Pontevedra, todas agás a de Ourense. A administración autonómica desentendeuse deste asunto ata agora.

A Xunta de Galicia non ten previsto polo de agora incrementar a súa aportación ao Consorcio noutros 330.000 euros como a Deputación de Lugo para poder equiparar os salarios dos bombeiros de Lugo aos dos seus compañeiros en Galicia e, concretamente, aos de Ourense, que son os que máis cobran porque, pola contra, neste caso a Xunta si aumentou a súa achega económica.

Polo tanto, o Consorcio Provincial de Bombeiros emitirá os informes necesarios para mellorar, e non equiparar (porque a Xunta non fixo a achega que lle corresponde), as condicións salarios destes profesionais en Lugo tan só coa achega que si fixo o Goberno da Deputación de Lugo. Será necesario, por exemplo, e entre outras cousas, modificar o convenio entre traballadores e empresas ou os Estatutos do Consorcio, pois este recolle que dito organismo está financiado ao 50% por Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia e, agora, o organismo provincial incrementa a súa aportación con 330.000 euros, que son os que non achega a administración galega, minguando a súa aportación.

Os acordos da proposta que hoxe presentou Campos Conde ao Consorcio Provincial de Bombeiros neste eido apunta, textualmente, o seguinte:

1.- Que se inste á Xunta de Galicia a transferir ao Consorcio as cantidades precisas para facer fronte aos compromisos derivados do recollido no artigo 25 dos Estatutos do Consorcio coa finalidade de proceder a equiparación dos salarios dos traballadores das empresas concesionarias do servizo público en Lugo (VEICAR S.L. e NATUTECNIA S.L) cos salarios que perciben os traballadores das empresas concesionarias do Consorcio de Bombeiros de Ourense. O acordo foi aprobado por unanimidade, pois a administración autonómica di que “o estuda”.

2.- Que se emita informe sobre a tramitación precisa para que, en caso de que a Xunta de Galicia se negue a aportación das cantidades que lle corresponden estatutariamente para facer fronte a dito aumento salarial, se poidan incrementar as retribucións dos traballadores, cando menos, na parte que lle corresponde á Deputación Provincial de Lugo que, como xa ten dito, consignou nos orzamento do ano 2017. Este acordo tamén acadou a unanimidade, pois Campos Conde ten reservados e comprometidos os 330.000 euros do actual presuposto do organismo provincial para incrementar os salarios dos bombeiros polo que o Consorcio ten que informar sobre o procedemento legal para poder transferir estes fondos ás nóminas destes profesionais, tendo en conta que a outra parte responsable do Consorcio, a Xunta de Galicia, non ten previsto achegar agora, pois “estuda”, o 50% que lle corresponden segundo os Estatutos deste organismo. 

Xestión pública
Ata o momento tan só avanzaron cara a xestión pública dos parques de bombeiros, que en todos os casos integran os organismos provinciais e a administración galega, as Deputación de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Isto logo de que os Presidentes destas institucións propuxeran o cambio de modelo tamén a de Ourense, que se opuxo dende o primeiro momento, e á Xunta de Galicia, que se desvinculou deste traballo.

Os organismos lugués, coruñés e pontevedrés elaboraron os informes xurídicos e económicos, que avalan o cambio no modelo de xestión, pero este necesita do visto e prace da Xunta de Galicia, como parte tamén responsable segundo a normativa vixente dos Consorcios Provinciais de Bombeiros.

Por este motivo, os acordos que propuxo Campos Conde ao Pleno de hoxe e que saíron adiante por unanimidade, son, textualmente, os seguintes:

- A creación dun grupo de traballo que elabore, no prazo de dous meses, o informe económico e xurídico, que recolla como mínimo as vantaxes da xestión directa fronte ao modelo actual, que esta non supoña un menoscabo para os contribuíntes e que a mesma non implique perda dos empregos dos profesionais que na actualidade prestan o seus servizos. A Xunta conta cos informe xurídicos e económicos que xa elaborou a Deputación de Lugo polo que este grupo de traballo poderá avanzar en base aos mesmos. O informe xurídico, que comparten as 3 Deputacións pois os económicos son individuais ao cambiar o número de profesionais ou instalacións, entre outras cuestións, tamén foi entregado á Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia, nun acto público na Deputación da Coruña. 

- Que o grupo de traballo estea constituído por catro membros (dous en representación da Deputación de Lugo e dous en representación da Xunta de Galicia), sen prexuízo de que poidan estar asistido do persoal técnico ou xurídico que se emita convinte.

- Notificarlle o acordo as entidades consorciadas ao obxeto de que no prazo máximo de 10 días procedan á designación dos representantes de cada unha das administracións no grupo de traballo.

Outros acordos
O Presidente da Deputación levou outras dúas propostas tamén aprobadas, que consisten no estudo das denuncias feitas polos comités de empresa ao respecto de presuntos incumprimentos nos pregos de condicións e melloras ofertadas polas entidades que resultaron beneficiadas da xestión dos parques, que estarían afectando ás condicións dos traballadores e á prestación deste servizo na provincia; e na regulación da bolsa de emprego dos bombeiros para que se acuda a esta no caso de ter que acudir a contratación de persoal cualificado para a prestación dun servizo de calidade.

Outro acordo acadado supón que a Presidencia do Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo deixe de ser rotatoria entre o organismo provincial e a Xunta de Galicia, pasando a recaer sempre na institución luguesa. O Goberno Provincial proporá por urxencia ao Pleno da Deputación de mañá aprobar este asunto para súa entrada en vigor.

Información sobre el documento

Diputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000