Emblema de la Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas ciudadanas
Boletín Oficial de la Provincia de Lugo
Empleo público
Perfil del Contratante

Actualidad

14/09/2017

Máis de 300 persoas con capacidades diferentes traballan grazas á colaboración do Goberno da Deputación con COGAMI

- López Izquierdo mantivo este xoves un encontro cun usuario da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), que está a traballar nunha empresa lucense, a través do servizo de intermediación laboral, que financia o Executivo Provincial
- En total, son 117.000 euros, os que o Goberno da Deputación achega a este colectivo, para distintas programacións: a realización do obradoiro prelaboral que se desenvolve no Concello de Monterroso; colaborar nos gastos de contratación dunha traballadora social; e para o servizo de intermediación laboral en zonas rurais
- A Deputada de Benestar destacou “o compromiso e a aposta decidida do Goberno da Deputación, para acadar unha plena integración das persoas con capacidades diferentes na nosa provincia, por iso, todas as iniciativas que poñemos en marcha, como o Ben Empregado ou o Comunnitteando, van encamiñadas a este obxectivo”

Máis de 300 persoas con capacidades diferentes traballan grazas á colaboración do Goberno da Deputación con COGAMI

A Deputada de Promoción Económica e Social, Emprego, Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, mantivo este xoves un encontro cun usuario da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), que está a traballar nunha empresa lucense, como operario de imprenta, a través do servizo de intermediación laboral en zonas rurais da provincia, que financia o Executivo da Deputación. Esta persoa, que ten unha discapacidade auditiva, foi asesorada e preparada por profesionais de COGAMI, para poder desempeñar distintas tarefas de carteleira, grapado ou papelería.

López Izquierdo destacou que “grazas a esta prestación, COGAMI acadou, entre o 2016 e o que vai de 2017, unha inserción laboral de 302 persoas con capacidades diferentes ou de difícil acceso ao mercado de traballo, que actualmente están traballando en algunha empresa da provincia, con oficios tan variados como administrativos, xardineiros,  peóns ou camareiros”.

A Deputada de Benestar e Igualdade lembrou “o compromiso e a aposta decidida do Goberno da Deputación, para acadar unha plena integración e igualdade de oportunidades para as persoas con capacidades diferentes na nosa provincia, por iso, todas as iniciativas de emprego que poñemos en marcha, como o Ben Empregado ou o Comunnitteando, van encamiñadas a este obxectivo. Queremos que as persoas con capacidades diferentes poidan optar as medidas que garantan a súa calidade de vida e benestar, para desenvolverse como calquera outro”.

En total, son 117.000 euros, os que o Goberno achega a este colectivo para a realización de distintas programacións ao longo do ano. En concreto, son 90.000 euros para o servizo de intermediación laboral, co que se promove a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral das persoas con discapacidade das zonas rurais da provincia, a través do desenvolvemento de accións formativas.

Servizo de intermediación laboral
Con este programa que financia o Goberno da Deputación, os profesionais e traballadores de COGAMI, informan, asesoran e forman para o emprego, a máis de 1.200 usuarios, 42 persoas máis en comparación co ano 2016,  con discapacidade ou incapacidade laboral permanente que estean en situación de desemprego, da provincia de Lugo. Para elo, realizan entrevistas ocupacionais, orientación e asesoramento laboral, intermediación laboral, xestión de ofertas de emprego, e un seguimento das persoas usuarias inseridas laboralmente.

Outras axudas do Executivo Provincial
O servizo de intermediación laboral en zonas rurais da provincia, non é a única programación que financia o Goberno da Deputación a COGAMI. Por exemplo, achega 22.000 euros para a realización do obradoiro prelaboral que se desenvolve no Concello de Monterroso, e que atende na actualidade a 14 usuarios dos municipios da Comarca da Ulloa: Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla. Neste taller, os 3 profesionais da asociación, imparten obradoiros de restauración, serigrafía, papelería ou cartelería, entre outros. O organismo provincial decidiu achegar outros 5.000 euros para colaborar nos custes da contratación dunha traballadora social en COGAMI.

Máis colaboracións con COGAMI
O Goberno da Deputación colabora coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade a través de outras moitas programacións. Por exemplo, COGAMI reforzou os servizos que ofrecen aos seus usuarios grazas a anteriores edicións do Ben Empregado, pois contrataron un total de 5 persoas: un axudante de mantemento de xardinería, que é xordomudo; un profesor de actividade artísticas e unha auxiliar de Enfermería, ambos con discapacidade física, así como un logopeda e fisioterapeuta.

O Executivo Provincial levou a cabo o Communitteando na provincia de Lugo nas instalacións de COGAMI en Lugo. Trátase do obradoiro social de emprego xuvenil da Deputación, que ofrece formación teórica e práctica, remunerada cuns 650 euros mensuais, que é o salario mínimo interprofesional. Nel participaron 15 mozos lucenses no paro, incluídos no Sistema de Garantía Xuvenil, polas súas dificultades para acceder ao mercado laboral. Especializáronse en xestión de contidos, sistemas operativos, elementos da rede e aplicacións informáticas e microinformáticas. Por exemplo, crearon a nova páxina web e redes sociais de COGAMI Lugo.  

A Deputación de Lugo premiada por COGAMI
O Premio á Iniciativa Institucional, que outorga a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), foi concedida á Deputación de Lugo, no ano 2016, converténdose no primeiro organismo provincial de Galicia en recibir este recoñecemento. Trátase dunha iniciativa que pon en valor o traballo feito pola institución lucense pola integración de persoas con discapacidade. Os premios COGAMI son os galardóns que creou a entidade para recoñecer a aquelas institucións, empresas e persoas que traballan a favor da inclusión de persoas con capacidades diferentes e que traballan por crear unha sociedade máis xusta.

COGAMI
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade é unha entidade sen ánimo de lucro, constituída no ano 1990, que ten como misión acadar a plena inclusión das persoas con discapacidade en tódolos ámbitos da sociedade, a través da defensa e a promoción dous seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación e coordinación do asociacionismo, e da prestación de servizos que satisfagan as necesidades e expectativas dos seus usuarios.

Imágenes

Máis de 300 persoas con capacidades diferentes traballan grazas á colaboración do Goberno da Deputación con COGAMI             Máis de 300 persoas con capacidades diferentes traballan grazas á colaboración do Goberno da Deputación con COGAMI

Ver más imágenes

Información sobre el documento

Diputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000