Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

12/07/2017

O Goberno da Deputación, principal patrocinador con 10.000 euros do XII Criterium Aeronáutico

-No evento, que terá lugar do 21 ao 25 de xullo no aeródromo de Rozas, e que coincide coa XXXIV Volta aérea a Galicia – Volta Galaico Duriense, participarán máis de 150 aeronaves co obxectivo de divulgar e poñer en valor o mundo da aviación
 - Santos Ramos destacou que “é un privilexio poder contar na provincia cun evento destas dimensións, que conta cunha repercusión mediática internacional, ademais de supoñer un importante revulsivo económico, xa que reunirá a máis de 5.000 persoas”
- Exposicións de avións históricos, demostracións, carreiras de drones, saltos en paracaídas ou xogos para nenos son algunhas das actividades desta edición

O Goberno da Deputación, principal patrocinador con 10.000 euros do XII Criterium Aeronáutico

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; ao Presidente do Real Aeroclub de Lugo, Luís Abelleira; e ao Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero Méndez, presentaron este mércores, o XII Criterium Aeronáutico 2017, que organiza o Real Aeroclub de Lugo e que se celebrará do 21 ao 25 de xullo no aeródromo de Rozas. O Goberno da Deputación é o principal patrocinador desta cita deportiva cunha achega económica de 10.000 euros. O Concello de Lugo colabora con regalos e premios institucionais.  O evento coincidirá ademais coa XXXIV Volta aérea a Galicia – Volta Galaico Duriense.

Santos Ramos destacou que “é un privilexio poder contar na provincia de Lugo cun evento destas dimensións, que pola variedade e calidade das actividades que ofrece, conta cunha repercusión mediática internacional, ademais de supoñer un importante revulsivo económico, xa que reunirá a máis de 5.000 persoas, entre pilotos e afeccionados, pernoitando, comendo e mercando en diferentes establecementos lucenses, o que sen dúbida dinamizará a economía local e provincial”.

A Alcaldesa de Lugo, quen felicitou a Luis Abelleira polo recoñecemento da Cruz ao mérito, que vén de recibir a semana pasada pola traxectoria de 50 anos dedicado ao aeródromo de Rozas e á aviación deportiva, subliñou a oportunidade económica e promocional que supón este Criterium para Lugo. Así mesmo, puxo en valor o esforzo do Real Aeroclub por levar a cabo un ano máis esta cita, así como á Deputación por apostar por ela. Para rematar convidou á cidadanía a achegarse ao Criterium e desfrutar en familia desta alternativa lúdica deportiva como a visitar a cidade

Pola súa parte, o Presidente do Real Aeroclub de Lugo, explicou que esta cita ten un dobre enfoque, por un lado deportivo para o goce dos pilotos que participan nos distintos campionatos, e por outro, divulgativo xa que un dos obxectivos que persegue é “achegar o mundo da aviación ao público en xeral, permitíndolles participar nas diversas actividades que organiza”, remarcou.

O Criterium Aeronáutico é unha cita deportiva consolidada no panorama nacional, na que se darán cita en Rozas máis de 150 aeronaves. A XII edición do Criterium Aeronáutico conta cunha ampla programación de actividades dirixidas a todas as idades. Haberá voos acrobáticos, saltos en paracaídas, carreiras de drones, voos en globo aerostático, exhibicións e demostracións de pilotos profesionais. Ademais, durante os cinco días que dura o evento deportivo, organizan exposicións de aeronaves e motos clásicas, así como sorteos de voos gratuítos.

Os interesados en inscribirse nalgunhas das actividades, como o salto en paracaídas, deberán reservar a praza en criteriumaeronautico@aerolugo.es ou no 982 21 01 14.

XXXIV Volta aérea a Galicia
A XXXIV Volta aérea a Galicia – Volta Galaico Duriense celebrarase os días 21 e 22 de xullo, xunto ao resto de actividades do XII Criterium Aeronáutico Galicia 2017. Constará de dúas etapas sinxelas con orixe e destino no aeródromo de Rozas. Aínda que a programación inicial prevé a realización dunha etapa o venres e outra o sábado, as tripulacións que non poidan chegar a tempo o venres poderán realizar as dúas etapas o sábado.

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000