Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

18/05/2017

O Goberno da Deputación mellorou as prestacións públicas aos veciños de Barreiros con 290.000 euros

- O Alcalde remarcou o “compromiso” do Presidente cos Concellos e demandou á Xunta que “leve investimentos á totalidade de municipios, como o Executivo Provincial”
- Campos Conde informou sobre o arranxo con 42.500 euros da ponte do río Bragán que conecta o centro de Barreiros con Ribadeo e Trabada e que usan a cotío centos de veciños para acceder ás vivendas e explotacións e milleiros de visitantes no verán
- O Presidente subliñou a “necesidade de que todas as administracións doten de servizos ao rural e a importantes espazos públicos”, facendo alusión ás 3 casetas con duchas e aseos, levadas ás praias de Altar, Coto e Lóngara con 15.000 euros
- Fuente Parga reclamou á Xunta “investimentos cos que poder atender as necesidades do Concello durante o verán, cando se triplica a poboación”  

O Goberno da Deputación mellorou as prestacións públicas aos veciños de Barreiros con 290.000 euros

O Presidente, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Barreiros, José Alfonso Fuente Parga, informou este xoves sobre o investimento que o Goberno Provincial achegou aos preto de 3.000 veciños deste municipio coa execución do Orzamento de 2016. Foron 290.000 euros os que o Executivo da Deputación destinou á mellora das prestacións públicas, ao fomento do benestar e á xeración de emprego.

O Alcalde puxo en valor o compromiso do Presidente con todos os Concellos da provincia,  especialmente co de Barreiros, e subliñou “a necesidade de que a Xunta leve investimentos á totalidade de municipios lucenses do mesmo xeito que o fai o Goberno da Deputación”. Campos Conde e Fuente Parga, acompañados por membros da corporación municipal, supervisaron algunhas das actuacións levadas a cabo con fondos provinciais do 2016, que se verán incrementadas durante este 2017, pois tan só co Plan Único o Concello de Barreiros recibe xa 255.727 euros para executar novas melloras nas prestacións públicas aos veciños deste municipio. 

Infraestruturas e melloras no rural
A comitiva visitou a nova ponte construída na parroquia de Vilamartín Pequeno, sobre o rego Porto Bragán, con 42.500 euros que achegou o Executivo Provincial. Os traballos consistiron no derrubamento da infraestrutura existente, moi deteriorada polas riadas, e na dotación dunha nova máis ancha e máis segura, pois mellorouse o firme con aglomerado en quente. Campos Conde subliñou que “con estas actuacións, melloramos unha ponte que conecta o centro de Barreiros cos Concellos de Ribadeo e Trabada, que empregan a cotío centos de cidadáns e milleiros no verán, cando a Mariña triplica a súa poboación. Ao respecto, o Alcalde tamén demandou á Xunta de Galicia “investimentos que permitan atender ás necesidades do Concello durante a época estival, co triplo de veciños”.
O Presidente engadiu que “con estas obras respondemos ás peticións dos 80 veciños que viven na zona, acondicionando unha infraestrutura que fai de acceso a ducias de explotacións gandeiras”. Neste senso, Campos Conde destacou que o Goberno da Deputación achegou outros 25.600 euros a máis actuacións en impulso do sector primario en Barreiros. Dito orzamento permitiu melloras de accesos públicos a fincas, a recuperación de terras abandonadas hoxe en uso, e o arranxo de invernadoiros.

Campos e Fuente comprobaron ademais as melloras de 19.216 euros, financiadas polo Executivo Provincial, efectuadas na Casa do Concello. Consistiron no cambio de ventás e na mellora do illamento térmico do edificio anexo ao Consistorio. Estas actuacións permitirán reducir a factura enerxética.

Praias
O Executivo Provincial financiou con 15.000 euros a adquisición de tres casetas con duchas e aseos nas praias de Altar, Coto e Lóngara. O Presidente destacou que “é necesario que todas as administracións nos impliquemos na dotación de prestacións públicas no rural, onde viven os nosos veciños, para contribuír á mellora da calidade de vida. Pero tamén o debemos facer nos espazos públicos que fan de Lugo unha provincia única, como as praias da Mariña, para que os milleiros de persoas que nos visitan, repitan e volvan. Podémolo facer con pequenas actuacións como esta, coa que ofrecemos un servizo básico e necesario”. 

Atención a 51 maiores
O Goberno da Deputación atende a 51 maiores de Barreiros, aos que a Xunta de Galicia non atende. Faino a través do Servizo a Domicilio a persoas non dependentes, que o Executivo autonómico deixou de financiar en 66 municipios lugueses. Esta prestación asúmea na totalidade o organismo provincial. Son 34 os barreirenses que contan coa mesma grazas aos máis de 21.000 euros que achega o Goberno Provincial. Outros 17 veciños deste municipios con dificultades en canto a súa autonomía contan coa Teleasistencia gratuíta da Deputación, pois a Xunta só lla ofrece a persoas catalogadas como dependentes aos que ademais lles obriga ao copago.

Emprego
O Goberno da Deputación destinou 39.438 euros á creación de postos de traballo directos e ao reforzo dos servizos municipais a través do DEPUEMPREGO. Trátase do plan dirixido aos municipios de menos de 20.000 habitantes mediante o cal o Executivo Provincial financia na súa totalidade os custos laborais de novos traballadores. No caso de Barreiros,  este investimento permitiu a  contratación de 2 oficiais de fontanería que se encargan do mantemento da rede municipal de abastecemento de auga.

Imáxenes

O Goberno da Deputación mellorou as prestacións públicas aos veciños de Barreiros con 290.000 euros                    O Goberno da Deputación mellorou as prestacións públicas aos veciños de Barreiros con 290.000 euros

Ver máis imáxenes

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000