Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

16/05/2017

O Goberno da Deputación súmase á celebración dos 50 anos da Enxeñaría Agrícola en Galicia

Rivera Capón participou este luns na celebración dos 50 anos da implantación dos estudos de Enxeñaría Agrícola en Galicia, que tivo lugar na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC

O Goberno da Deputación súmase á celebración dos 50 anos da Enxeñaría Agrícola en Galicia

O Deputado Provincial, Pablo Rivera Capón, xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; ao Reitor da USC, Juan Viaño; ao Director da Escola Politécnica, Tomás Cuesta García; ao Presidente da Interprofesional Láctea (InLac), José Armando Tellado; e á Conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez; participaron este luns na celebración dos 50 anos da implantación dos estudos de Enxeñaría Agrícola en Galicia, que tivo lugar na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC.

Rivera Capón destacou que “crear emprego a través da educación é precisamente un dos obxectivos da Deputación, por iso entendemos que os cartos que se adican a mellorar a cantidade e calidade da educación non son un gasto, senón un investimento imprescindible para que a sociedade, e para que as xeracións de futuro conten con todas as ferramentas necesarias para afrontar con éxito calquera panorama que se presente ante eles”.

Méndez López, formada na xa extinta Escola Universitaria de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas (Euita), fixo fincapé na fonda pegada que ten deixado en Lugo a Enxeñaría Agrícola, ao tempo que, logo de felicitar a todos os enxeñeiros agrícolas e agrónomos pola festividade do seu patrón, San Cidre, convidou a ollar o futuro como “unha nova oportunidade”.

O reitor da USC subliñou “o feito de perdurar no tempo é un indicativo de éxito”, para logo engadir que “hoxe xa nos coñecen alén do campus e de Galicia, e xa saben que esta Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC é un referente na xeración de coñecemento nos eidos agrogandeiro e forestal”.

Agradecido a todas as persoas que ao longo do último medio século contribuíron dun ou doutro xeito a facer da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC o que é hoxe en día, Viaño salientou que “o que estamos a festexar nesta data sinalada é a capacidade deste centro universitario para favorecer o nacemento de empresas innovadoras como Innolact, que xera máis dun centenar de emprego na comarca luguesa e exporta materia prima de Lugo por todo o mundo, así como o feito de captar a atención de empresas como Capsa Foods e doutras empresas punteiras para o desenvolvemento de diversos proxectos, ou tamén o feito de que Fundación La Caixa outorgue unha das prezadas bosas de formación a unha enxeñeira formada e titulada nesta escola como é o caso de Susana López”.

A intervención do reitor da USC serviu de clausura dun acto non exento de emotividade, no que Julio Ulloa Vence e María Inés Vázquez Fernández, profesor e alumna das primeiras promocións de estudantes de enxeñaría agrícola na sede da vella Escola de Comercio de Lugo, relataron algunhas das súas lembranzas daquela época. “A implantación da Enxeñaría Agrícola en Lugo e a posterior creación da Escola Politécnica Superior supuxeron a verdadeira transformación de Lugo en cidade universitaria”, sinalou Ulloa Vence, mentres que Inés Vázquez non dubidou en reafirmar esta consideración ao indicar que “os estudos de enxeñaría agrícola e a Escola Politécnica Superior sentaron en Lugo as bases do auténtico e principal campus de Galicia especializado nos ámbitos agrario, forestal e gandeiro”.

A conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, manifestouse neste mesmo senso, ao lembrar que ao longo destes 50 anos, a EPS formou centos de homes e mulleres que teñen participado na modernización da agricultura, da gandería e do sector forestal. Pero “este cometido non está rematado, pois Galicia necesita da actuación agroforestal para equilibrar e conservar o territorio, para garantir a economía e o futuro, para apoiar a cultura, o turismo, a paisaxe e mesmo a nosa gastronomía. Para acadar estas metas, son precisos técnicos formados para poder intervir nunha nova agricultura máis moderna e sustentable”, engadiu.

O director da Escola Politécnica, Tomás Cuesta García, defendeu na súa intervención que a “Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC mantén os obxectivos que xa se perseguían hai medio século e que pasan pola formación de técnicos e polo desenvolvemento de proxectos de investigación que contribúan e mellorar o grao de benestar das persoas que viven no medio rural, así como á conservación do medio natural e a xeración de riqueza e valor engadido”.

O presidente da Interprofesional Láctea (InLac), José Armando Tellado, ofreceu nesta sesión un relatorio baixo o título ‘O futuro da industria alimentaria nun mercado global: o caso do sector lácteo’, unha intervención na que remarcou “os efectos derivados da implantación do sistemas de cotas de produción de leite, aínda que puxo o acento nas posibilidades reais de éxito que lle agardan ao sector leiteiro galego”.

O acto conmemorativo o primeiro século da implantación dos estudos de Enxeñaría Agrícola en Galicia congregou este luns na Escola Politécnica alumnos, docentes, enxeñeiros e enxeñeiras xa egresadas, ademais de responsables políticos e académicos, profesionais en exercicio e representantes empresarias.

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000