Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

16/05/2017

Deputación e Eixo Atlántico presentan os primeiros resultados do estudo sobre a xestión de residuos en 44 Concellos

- Estas administracións traballan na procura da 1ª radiografía sobre a xestión de residuos municipal na provincia co obxectivo de ofrecer aos municipios de menos de 20.000 habitantes melloras. Actualmente, son 53 os Concellos sumados ao proxecto
- Os primeiros resultados proveñen dos datos ofrecidos por 44 municipios sobre a xestión do lixo no 2015. Analizouse, polo tanto, a prestación deste servizo a 136.075 lucenses, que representan o 40% da poboación da provincia
- O custo medio do servizo é de 64,5 euros por habitante e cada veciño paga 45,7. Tan só se fai unha recollida selectiva do 9,3% dos residuos que se xeran ao ano
- Unha das grandes medidas de aforro sería a recollida selectiva de residuos, evitando que vidro, cartón, envases lixeiros e materia orgánica cheguen a SOGAMA, pois pasou de cobrar aos Concellos tras o taxazo 54 euros a 74 por tonelada de lixo que trata

Deputación e Eixo Atlántico presentan os primeiros resultados do estudo sobre a xestión de residuos en 44 Concellos 1

O Deputado de Cooperación cos Concellos e Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, e o técnico do Eixo Atlántico, Manuel Rodríguez, presentaron este luns os primeiros resultados do estudo sobre a xestión de residuos municipal, que están a elaborar ambas as dúas administracións a custe cero para os Concellos. Fanno co obxectivo de ter unha a 1ª radiografía sobre a prestación deste servizo nos municipios lugueses de menos de 20.000 habitantes para ofrecerlles medidas individuais e comúns coas que reducir custos e facer unha xestión máis sostible.

Fernández Queipo explicou que estes primeiros resultados proveñen dos datos que ofreceron 44 Concellos ao respecto da prestación deste servizo durante 2015. O Goberno da Deputación está agora a informar persoalmente a cada municipio sobre a súa situación e asesorándoo sobre as medidas individuais que poder pór en marcha para mellorar este servizo. Estes Concellos son os que dende o primeiro momento decidiron sumarse ao proxecto que está a levar a cabo a Deputación coa colaboración do Eixo Atlántico. O Deputado avanzou que dende a súa posta en marcha se adheriron máis municipios, pois hoxe son 53 os Concellos sumados.

“O que buscamos con este estudo, no que seguimos a traballar para completalo, é ter a 1ª radiografía sobre a xestión de residuos que levamos a cabo dende os Concellos co obxectivo de reducir os custos que nos supón a prestación deste servizo básico para os nosos veciños. É imprescindible a colaboración dos municipios; que nos ofrezan os seus datos para seguir avanzando xuntos. Estamos medindo para poder actuar con certeza posteriormente e mellorar estes resultados”, explicou.

“O que en grandes rasgos nos veñen a dicir os primeiros resultados que obtivemos é que temos que traballar moito de cara á concienciar sobre a importancia de facer unha recollida selectiva do lixo e ofrecer medios para poder levala a cabo. Temos que disminuir a cantidade de residuos que trasladamos a SOGAMA para aforrar custos, pois os Concellos pasamos de pagar 54 euros por tonelada a 74 euros despois do taxazo. Podemos conseguilo facendo esta recollida selectiva, que nos permite separar o vidro, cartón, envases lixeiro e a materia orgánica, que no rural podemos aproveitar como compostaxe, como sempre si fixo anos atrás”.

O Deputado detallou que no caso da Fonsagrada, que é o Concello con maior extensión de Galicia, a recollida e xestión do lixo supón un desenvolso anual de 225.000 euros: 150.000 euros pola recollida nos 283 núcleos rurais deste municipio, cunha grande dispersión territorial; e un mínimo de 75.000 euros pola súa xestión a través de SOGAMA. Fernández Queipo destacou que no municipio fonsagradino se conseguiu unha redución destes custos de 30.000 euros anuais tras habilitar recipientes para vidro, cartón e envases lixeiros. Outra das medidas implantadas polo Concello foi a recollida de cartón directamente nos propios establecementos. “Educación, implicación, concienciación e apoio desde as adminsitracións, é o que necesitamos en primeiro lugar para mellorar estes datos, aforrar cartos aos veciños e facer unha xestión máis sostible en canto ao medio ambiente se refire”, salientou.

Medir para saber onde actuar
O estudo de Deputación e Eixo Atlántico recolle datos comúns sobre a xestión de residuos durante o 2015 en 44 Concellos. Analizouse, polo tanto, a prestación deste servizo a 136.075 lucenses, que representan o 40% da poboación da provincia. Algunhas das conclusións ás que se chegaron son que:

  • Termos Económicos: o custo medio da xestión deste servizo por habitante é de 64,5 euros. Os veciños pagan unha media de 45,7 euros polo que os Concellos asumen con fondos propios a parte restante.
  • Recollida selectiva: cada habitante xera de media uns 300 quilos de residuos ao ano. Desta cantidade, tan só se fai unha recollida selectiva de 28,7 quilogramos, que representan un 9,3% do total de lixo.
  • Xestión Ambiental: no ano 2010, facíase unha recollida selectiva do 12,8% dos residuos. No 2015, pasouse ao 10,4%, sendo un 2,4% menos.
  • Calidade do equipamento: o 20% dos municipios apuntan á falta de limpeza dos colectores, habendo incluso residuos fóra do mesmos; o 14% indican que hai equipamentos en mal estado e serigrafía incorrecta; e outro 14% trasladan que se producen cheiros, especialmente no verán.
  • Capacidade dos colectores: durante o inverno é dun 60%, chegando nos meses de verán ao 90%. O 19% dos Concellos indicaron a existencia de colectores con residuos fóra.
  • Puntos limpos: o 70% dos puntos limpos non están autorizados. Detectáronse residuos no chan, clasificación incorrecta de residuos, acceso non autorizado e incluso roubos de material.

Ademais, tamén se observou que o 70% dos responsables municipais non coñecen a cantidade de recollida selectivo; o 60% dos Concellos proporcionaron datos sobre o número de equipamentos de recollida selectiva, que non coinciden cos datos de Ecoembes e Ecovidro; máis do 50% dos Concellos non teñen unha estrutura axeitada.
 
Camiño de futuro
Tras estes primeiros resultados, o Goberno da Deputación está a manter encontros de xeito individual cos 44 Concellos que participaron para informarlos e asesoralos sobre medidas que poden pór en marcha para mellorar esta prestación. Algunhas das primeiras medidas comúns que a Deputación valora ofrecer aos Concellos son, entre outras, asesoramento individualizado por municipio; estimación de taxas xustas do servizo; dimensión técnica e xestión mancomunada de servizos; mellora do sistema de recollida selectiva existente; valorización da fracción orgánica para non depositala no fluxo total de residuos, diminuíndo en grande medida as toneladas que se levarían a SOGAMA; mellora da xestión dos puntos limpos.

Concellos non sumados ata o momento
Son 53 os Concellos que se sumaron a este proxecto do Goberno da Deputación, que arrancou con este estudo que se está a levar a cabo e sobre o que hai os primeiros resultados en 44 municipios. Este traballo continúa, pois o obxectivo é sumar aos 66 Concellos de menos de 20.000 habitantes para ter a primeira radiografía sobre a xestión municipal de lixo e ofrecer solucións tanto individuais como comúns cos que reducir custos e facer unha xestión sostible. Os municipios non sumados ata o momento son os seguintes: Baralla, Carballedo, Castro de Rei, Castroverde, Chantada, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Samos, Sarria, Taboada, Vilalba, Xermade e Xove.

Imáxenes

Deputación e Eixo Atlántico presentan os primeiros resultados do estudo sobre a xestión de residuos en 44 Concellos          Deputación e Eixo Atlántico presentan os primeiros resultados do estudo sobre a xestión de residuos en 44 Concellos

Ver máis imáxenes

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000