Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

21/04/2017

A VI Semana da Danza celebrarase do 25 ao 30 de abril no auditorio Gustavo Freire e na rúa

A Deputada de Cultura, a Concelleira de Cultura, e representantes do conservatorio de danza e das escolas desta disciplina en Lugo presentaron o certame, que inclúe dez actuacións de baile clásico e contemporáneo

A VI Semana da Danza celebrarase do 25 ao 30 de abril no auditorio Gustavo Freire e na rúa

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, a Concelleira de Cultura, e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a directora do Conservatorio de Danza de Lugo, Isabel Méndez, a vicedirectora do conservatorio, Reyes González, e o representante das escolas de danza de Lugo, Xavier Iglesias, presentaron este xoves no Salón de Plenos a VI Semana da Danza, que se celebrará do 25 ao 30 de abril no Auditorio Municipal Gustavo Freire e na rúa. O organismo provincial colabora coa promoción e difusión do certame a través da Fundación Tic que gravará varias actuacións da programación.

García Porto agradeceu “a organización deste certame por parte do Concello e do Conservatorio de Danza, para achegar esta disciplina artística a toda a poboación tanto da cidade como da provincia”.

Carmen Basadre amosou a súa satisfacción porque “este evento permite que a cidade viva durante uns día a danza e que a cidadanía goce coñecendo todo o traballo que se está a facer dende o Conservatorio de Danza, as escolas de danza da cidade e o Conservatorio de Música, que tamén colabora”.

Pola súa banda, Isabel Méndez e Reyes González explicaron que esta iniciativa, que se está realizando co apoio do Concello, permite crecer cada ano no número de escolas de danza participantes; ao tempo que deron a coñecer o programa.

Finalmente, Xavier Iglesias tamén agradeceu a organización deste evento, que  pretende levar a danza a outros espazos non convencionais, e animou a toda a cidadanía a que asista ás distintas actuacións programadas.

O certame comezará o vindeiro martes, 25 de abril, ás 20:30 horas, coa posta en escena de Moendo Muiñeiras de Merlo Branco Producións. As entradas para este evento poderán adquirirse en www.entradaslugo.es e unha hora e media antes do espectáculo no propio auditorio. Esta actividade pertence ao convenio cultural entre o Concello e Agadic.

O xoves, 27 de abril, ás 12:30 horas, haberá unha actuación para escolares de secundaria, Six Japanese Gardens, e ás 20:00 horas, para o público en xeral, terá lugar a Mostra de repertorio de Danza Clásica, a cargo do Grupo de Percusión do Conservatorio Profesional de Música de Lugo e do alumnado de Grao Profesional do Conservatorio de Danza de Lugo.

Para o venres, 28 de abril, ás 20:00 horas, está previsto o Concurso Coreográfico, coa presentación dos traballos coreográficos sobre Rudolf Von Laban por parte do alumnado do Conservatorio de Danza. Ao día seguinte, ás 20:00 horas, celebrarase o Encontro de Centros de Danza, un acto colectivo de conmemoración do Día Internacional da Danza coa participación de diversos centros de ensinanza de danza clásica e contemporánea de Galicia, Asturias e Castela e León.

Finalmente, o domingo, 30 de abril, ás 18:30 horas, haberá unha Fusión de Danza, unha actuación das escolas de danza de Lugo, Mercedes Castro, Victoria Gil, Gravitty, Star Danza, Espazo Artístico 10 e Teresa Neri.

Actuacións nas rúas
Ademais destas actuacións, o venres, 28 de abril, na Residencia de Maiores das Gándaras actuará Espazo Artístico 10 ás 17:00 horas. Ese mesmo día, ás 19:00 horas, a Praza de Augas Férreas acollerá a actuación de Victoria Gil. Mentres que o sábado, 29 de abril, será a quenda de Gavitti ás 16:30 horas na Praza Maior, e ás 18:30 horas ofrecerá o seu espectáculo Espazo Artístico 10 nesta mesma praza.

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000