Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

13/02/2017

A Deputación organiza ata o 20 de febreiro xornadas de portas abertas no Centro de Recría para as entidades interesadas na concesión deste servizo

- As xornadas están dirixidas ás entidades interesadas na concesión deste servizo, que contará cun control directo por parte do organismo provincial
- Veterinarios e peritos agrícolas serán os encargados de mostrar as instalacións e o funcionamento do 1º Centro de Recría de Gando Vacún público en España 
- As empresas, cooperativas e demais entidades interesadas poden solicitar unha visita ás instalacións do Centro de Recría a través do e-mail contratacion@deputacionlugo.ocom ou no teléfono 982 260 066

A Deputación organiza ata o 20 de febreiro xornadas de portas abertas no Centro de Recría para as entidades interesadas na concesión deste servizo

O Goberno da Deputación organiza ata o 20 de febreiro xornadas de portas abertas para dar a coñecer e informar sobre o funcionamento das punteiras instalacións do que é o 1º Centro de Recría de Gando Vacún público en España, que construíu en solitario con máis de 10 millóns de euros. Todas as firmas interesadas poden solicitar unha visita a través do e-mail contratacion@deputacionlugo.ocom ou no teléfono 982 260 066.

Con esta iniciativa, os posibles licitadores interesados na concesión deste servizo poderán coñecer in situ o Centro, que previsiblemente abrirá na primavera, unha vez resolto o proceso de concesión de servizos que segue aberto. Serán técnicos provinciais, como veterinarios e peritos agrícolas, os encargados de conducir as xornadas de portas abertas e informar e resolver todas as dúbidas ao respecto do funcionamento do Centro de Recría, así como as relacionadas coa concorrencia ao proceso público de concesión de servizos.

As empresas, cooperativas e entidades poden presentar as súas propostas ata o 20 de febreiro. A licitación concederase por un período de 15 anos prorrogables e a Deputación poñerá a disposición do licitador unhas instalacións valoradas en 15,9 millóns de euros, que inclúen 15 naves -13 delas de nova construción-, unha área de boxes para as crías e unha planta de biogás que subministrará enerxía ao Centro, ademais dos terreos, que suman en total 182 hectáreas.

Para a adxudicación, o Goberno da Deputación terá en conta criterios como o canon anual, a tarifa que se ofrecerá aos usuarios, a participación dos gandeiros e o proxecto de explotación; dentro deste último, valoraranse factores como o plan de calidade e o número de empregos creados, que terá que ser dun mínimo de 1 xerente e 9 traballadores, entre eles, un veterinario. Todos os detalles sobre os criterios de adxudicación poden consultarse no Prego de Cláusulas Administrativas Particulares, dispoñible no portal do perfil do contratante do Estado.

Compre remarcar que o modelo de xestión do centro de recría, baseado na concesión de servizos, implica o control público por parte da Deputación, polo que, en ningún caso, supón a privatización deste instalacións. A Deputación exercerá o control directo do Centro de Recría para facer cumprir todas e cada unha das cláusulas que se recollen nos pregos. Por exemplo, a concesionaria deberá respectar os prezos de recría, que terán que ser máis vantaxosos que os do mercado. No caso de incumprimentos, a institución poderá aplicar sancións e ata rescindir a concesión do servizo.

Obras de 300.000 euros
Actualmente, o Goberno da Deputación ten en marcha o proceso de contratación de melloras nas instalacións, propostas por unha Comisión Técnica, da que forman parte reputados expertos como Francisco Sineiro e Eduardo Yus.

Estas melloras consisten en facer cubertas nos 6 pasillos que hai entre os 200 boxes, onde se afincarán os animais dende que entran no centro, cuns 15 días, e ata, aproximadamente, os 6 meses, cando se trasladan ás 14 naves de recría.

Subliñar que son actuacións recomendadas, que non obrigatorias, pois estes pasillos non están cubertos na maioría dos centros de recría. Con todo, as obras execútanse  para favorecer o benestar animal, pois evitarase que as condicións climatolóxicas afecten aos exemplares.

As obras están valoradas en 300.000 euros, que se inclúen na partida de 12 millóns de euros que a Deputación achegou á construción do centro de recría, e que, finalmente, tras baixas nas contratacións, tivo un custo de 10 millóns de euros.

As restantes recomendacións da Comisión Técnica, cuxa execución non é obrigatoria, terán que ser asumidas polo, finalmente, beneficiado/s do proceso de concesión de servizos, no caso de decidir levalas a cabo.

Información sobre el documento

Diputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000