Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

06/02/2017

Empresas interesadas na desinsectación de San Paio de Narla e Tor coñecen in situ os traballos a executar a través do plan integral de 72.600 euros

- O Goberno da Deputación está a contratar estas actuacións, que decidiu pór en marcha, e tramitou en tempo récord, tras constatar que dende hai unha década non se executaron actuacións de desinsectación globais nestes Museos
- Ata o 15 de febreiro, as empresas poden presentar ofertas para os traballos de fumigación dos edificios, salas de exposición e coleccións de pezas
- Incremento na seguridade, obras na cuberta e na principal sala do Museo Provincial son algunhas das melloras que, simultaneamente ao plan integral de desinsectación, puxo en marcha o Goberno da Deputación na Rede Museística nos últimos meses

Empresas interesadas na desinsectación de San Paio de Narla e Tor coñecen in situ os traballos a executar a través do plan integral de 72.600 euros

Empresas interesadas na contratación da desinsectación nos Museos de San Paio de Narla e Pazo de Tor visitaron este luns ditas instalacións para coñecer in situ os traballos que deben levarse a cabo. Estes enmárcanse nun ambicioso plan integral, pois inclúe actuacións nos propios edificios, salas de exposición e nas pezas, que decidiu pór en marcha o Goberno da Deputación en xullo. Fíxoo tras constatar a súa necesidade para a conservación deste patrimonio, tendo en conta que na última década non se tiñan executado de xeito integral estas actuacións, senón que se levaron a cabo intervencións parciais por coleccións. O Executivo deseñou e tramitou en tempo récord este contrato, publicado no BOP do 31 de xaneiro, dotándoo dun máximo de 72.625 euros. O prazo de presentación de ofertas remata o 15 de febreiro.

Estes traballos garantirán a eliminación de xilófagos, que son habituais na madeira, en todos os obxectos expostos, nos soportes expositivos e nas estruturas das edificacións; así como a conservación do conxunto das pezas, que suman 5.000 en San Paio de Narla e Pazo de Tor. O plan contempla a fumigación xeral dos edificios co obxectivo de controlar a posible aparición doutros insectos en materiais de orixe orgánica, como coiro, papel, tecidos ou fibras animais e vexetais.

En definitiva, trátase dun plan integral que contempla traballos de conservación preventiva en ambos museos, a través da desinsectación, un dos métodos máis eficaces de conservación das coleccións.

Cómpre sinalar que a última vez que se puxo en marcha un plan destas características, é dicir, completo ou integral, foi no ano 2002, no caso de San Paio de Narla; mentres que no Pazo de Tor fíxose en 2005. Entre tanto, leváronse a cabo intervencións parciais, por coleccións.

Aprobación e prazos
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou na sesión do 20 de xaneiro o prego de cláusulas administrativas e prescricións técnicas, que se deseñou e tramitou en tempo récord dende a aprobación do orzamento. Este rexe a contratación do servizo para a desinsectación integral de bens mobles e estrutura dos edificios dos museos Pazo de Tor e Torre-fortaleza de San Paio de Narla da Rede Museística Provincial, tal e como recolle o Boletín Oficial da Provincia do 31 de xaneiro.

O presuposto máximo para a realización deste plan integral é de 72.625 euros. As empresas teñen ata o día 15 deste mes para presentar as súas ofertas persoalmente no Rexistro xeral da Deputación ou en calquera das dependencias administrativas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992 de Réxime Xurídico das Administracións públicas e do Procedemento Administrativo Común. Así mesmo, o prazo máximo de execución do plan integral é de 75 días naturais.

Máis e novos investimentos na Rede Museística para a súa mellora
Ademais deste plan de integral, o Goberno da Deputación puxo en marcha nos últimos meses máis e novas melloras nas instalacións da Rede Museística Provincial. Por exemplo, o Executivo contratou obras de reparación da cuberta e lucernario do Museo Provincial de Lugo con 20.000 euros. O inicio destes traballos será inmediato unha vez que Patrimonio conceda o derradeiro permiso necesario. A maiores, o Goberno da Deputación está a contratar actuacións de mellora no pavimento da Sala de Exposicións Temporais do Museo Provincial. Estes traballos, que contan cun orzamento de 3.000 euros, levaranse a cabo nun espazo de 284 metros cadrados. Tamén implican o acondicionamento da ventá arqueolóxica que alí se sitúa. O Executivo reforzará a vixilancia na Rede Museística Provincial mediante a contratación dun amplo servizo, que tamén vén de publicar o BOP. Está dotado de 876.000 euros ata outubro de 2018. Contempla o incremento de vixilantes e tamén de cámaras para o servizo de videovixilancia en todas as instalacións da Rede Museística, así como a posta en marcha dunha prestación de “acuda”, que non existía, que implicará a presenza inmediata de persoal de seguridade da empresa adxudicataria no momento en que se active unha alarma, sen espera da chegada dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000