Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Hoxe

01/08/2014

O Salón de Actos quedouse pequeno para acoller ós 350 veciños que asistiron á xuntanza participativa de Lugo

- Reclamaron Hemodinámica as 24 horas, máis residencias da terceira idade, axudas á dependencia e ás vítimas de violencia de xénero, a promoción dos produtos autóctonos e do turismo e diversas actuacións medioambientais, entre outras medidas    

- Os asistentes transmitiron de maneira xeneralizada parabéns á Deputación por emprender esta iniciativa de democracia participativa e transparencia, pediron a súa continuidade e que os Concellos da provincia tamén a fagan súa

- Os cidadáns poden seguir participando ata o 10 de setembro na elaboración dos presupostos a través da web www.orzamentosparticipativos.org

O Salón de Actos quedouse pequeno para acoller ós 350 veciños que asistiron á xuntanza participativa de Lugo

Uns 350 veciños do partido xudicial de Lugo achegáronse esta tarde á Deputación para colaborar coa elaboración dos primeiros orzamentos participativos dun organismo provincial en España. A resposta á convocatoria foi tal que o Salón de Actos de San Marcos quedouse pequeno e moitas persoas tivéronse que quedar fóra, aínda que cubriron e entregaron as fichas de participación nas que sinalaron as tres áreas que, ó seu entender, deben ser prioritairas nos presupostos da institución luguesa. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e os deputados de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos, conduciron a que foi a última da xeira de xuntanzas participativas que se levan celebrado dende principios de mes nos 9 partidos xudiciais. “Unha experiencia moi satisfactoria, na que a xente deu a súa opinión sobre cales deben ser as prioridades, demostrando moita responsabilidade e sentido común”, subliñou Gómez Besteiro. 

As propostas e opinións dos asistentes xiraron en torno a políticas sociais e sanidade, actividade económica, emprego e medio ambiente. Deste xeito, reclamaron o servizo de Hemodinámica as 24 horas no HULA; máis residencias da terceira idade, sobre todo en Lugo cidade, onde subliñaron que non se crea unha praza residencial pública dende o ano 1977; máis axuda e apoio ó colectivo de dependentes, no eido da formación e do emprego; e colaboración cos colectivos que traballan con vítimas de violencia de xénero, tendo en conta que esta lacra xa se levou a vida de 32 mulleres en España, 5 en Galicia, no que vai de ano. Os veciños preguntaron polo destino do hospital San José, ante o que o Presidente lembrou que Deputación e Concello de Lugo están en conversacións para artellar un proxecto; e pediron apoio para desbloquear a situación do antigo hospital xeral.

En resposta á petición concreta da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo de incorporar nos orzamentos provinciais unha partida, “aínda que sexa simbólica”, para conseguir o funcionamento do servizo de Hemodinámica as 24 horas no hospital lucense, para o que serían precisos, segundo o colectivo, 100.000 euros, o Presidente aclarou que a reforma local aprobada polo Goberno central que entrou en vigor o 1 de xaneiro “fai totalmente imposible que a Deputación lle poida facer transferencia algunha ó Sergas nin para este, nin para outro fin”.

A promoción e impulso das vías de comercialización dos produtos autóctonos de alta calidade cos que conta a provincia foi outra das propostas, así como o respaldo á actividade turística, en concreto, plantexaron a creación dun patronato provincial neste eido e o coidado das rutas xacobeas.

Demandaron así mesmo diversas actuacións medioambientais, como a recuperación das lagoas nas que nace o Rato, a posta en valor das ribeiras do Miño, o fomento dos bosques autóctonos, extender a práctica da compostaxe, axudas para redes de saneamento e potabilización, e estudar a recuperación do uso das vellas centrais eléctricas.

Tamén nos orzamentos municipais
As numerosas persoas que interviron na asemblea transmitiron de maneira xeneralizada parabéns á Deputación por emprender esta iniciativa de democracia participativa e transparencia, pediron a súa continuidade no tempo, incluso a través dunha folla de ruta a 8 anos, e que os Concellos tamén a fagan súa e incorporen a mecánica da participación cidadá no proceso de elaboración dos orzamentos municipais. Tamén houbo agradecementos pola introdución de cláusulas sociais nos contratos da Deputación que blindan os dereitos dos traballadores.

Os seguintes pasos

Unha vez celebradas as xuntanzas participativas nos 9 partidos xudiciais, os veciños dos 67 Concellos da provincia poden seguir participando na elaboración dos orzamentos a través do portal web www.orzamentosparticipativos.com

En base ó manifestado polos cidadáns, durante os meses de agosto e setembro unha comisión técnica da Deputación realizará un informe sobre a súa viabilidade, deseñar os plans de actuación, determinar a dispoñibilidade orzamentaria ou estudar as colaboracións con outras administracións. Á volta do verán, comunicarase a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. Todo isto, para que o 1 de xaneiro, tal e como sempre fai o Goberno provincial, entre en vigor o orzamento do 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España.

Imáxenes

O Salón de Actos quedouse pequeno para acoller ós 350 veciños que asistiron á xuntanza participativa de Lugo O Salón de Actos quedouse pequeno para acoller ós 350 veciños que asistiron á xuntanza participativa de Lugo 3 O Salón de Actos quedouse pequeno para acoller ós 350 veciños que asistiron á xuntanza participativa de Lugo3

Ver máis imáxenes

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000