Emblema de la Deputación de Lugo

Consultas ciudadanas Boletín Oficial de la Provincia de Lugo Empleo público Perfil del Contratante

Actualidad

05/09/2012

A Deputación apoia a celebración da XX Feira de Gando Cabalar, Mular e Asnal da Fonsagrada

O Deputado de Economía do Medio Rural e do Mar e o Alcalde da Fonsagrada presentaron esta mañá unha nova edición desta cita, que terá lugar o vindeiro sábado, 8 de setembro

Este evento supón un novo impulso para a economía da localidade tras o éxito que acadou a Feira do Gando Vacún, celebrada a pasada semana, e que atraeu ata Fonsagrada a centos de visitantes

Haberá 2.500 euros en metálico e numerosos trofeos para os participantes nas diferentes categorías dos concursos de cabalos de pura raza galega, raza asturcona, así como mulas e asnos

A Deputación apoia a celebración da XX Feira de Gando Cabalar, Mular e Asnal da Fonsagrada

O Deputado de Economía do Medio Rural e do Mar, José Fernández, e o Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, presentaron este mércores a programación dunha nova edición da tradicional Feira de Gando Cabalar, que se celebrará o vindeiro día 8 na capital fonsagradina. José Fernández subliñou a importancia de que dende as administracións se apoien eventos deste tipo, “colaborando cos Concellos da provincia para a posta en marcha de iniciativas que contribúan a activar a economía local, xerar postos de traballo e fixar poboación no rural, que se atopa nunha situación agónica, agravada polas medidas de recorte impostas polo Goberno central e o autonómico”.

A influencia positiva deste tipo de eventos quedou patente durante a recente celebración da tradicional Feira de Gando Vacún, que acolleu a pasada semana este mesmo Concello e na que centenares de persoas acudiron a visitar A Fonsagrada, atraídos polo espectáculo das reses de raza rubia galega e asturiana. “A celebración da Feira de Gando supuxo un forte incremento no número de visitantes que consumiron nos locais de hostalería, que se achegaron ata bares e cafeterías, que acudiron ós negocios de confección ou ás peluquerías, que viron como os seus ingresos aumentaron notablemente”, subliñou o Alcalde, que tamén manifestou a súa confianza en que coa atracción dos caballos esta fin de semana se reedite o éxito acadado, tendo en conta ademais que a Feira de Gando Cabalar, Mular e Asnal coincide coas festas patronais da localidade, que se celebran entre os días 7 e 9 de setembro.

2.500 euros en premios

O Concello achegará 2.500 euros en metálico para premiar ós vencedores do concurso nas difenretes categorías e, coma no caso da pasada Feira do gando vacún, as casas comerciais do Concellos e organismos oficiais tamén colaboran donando numerosos agasallos. Un xurado formado por membros da Federación Galega de Hípica escollerán os gañadores dos galardóns á mellor morfoloxía de cabalo do país, de cabalo e egua galega, de cabalos e eguas cruzadas, de ponis e de asnos e mulas. Estes se decidirán pola mañá, nas probas que terán coma escenario a Praza do Museo. Xa pola tarde, o concurso trasladarase ó campo de fútbol da localidade, onde se celebrarán as probas de andadura de cabalos cruzados, de trotóns e a carreira de caballos.

Os criadores interesados en inscribir ós seus exemplares, perfectamente identificados, poderán facelo na oficina habilitada ó efecto nas instalacións do Mercado Gandeiro antes das 11:00 horas.

Importancia do cabalo

O cabalo garda unha estreita relación coa tradición e a economía do rural galego. Basta lembrar que dúas das tres feiras galegas que gardan estreita relación co mundo do cabalo e que teñen sido declaradas de interese turístico nacional celébranse na provincia de Lugo: As San Lucas de Mondoñedo e a Rapa das Bestas de Candaoso, en Viveiro. Non se pode deixar de lado a presenza do cabalo en feiras de gando como é o caso da que este sábado acolle o Concello de Fonsagrada, e que en todos os casos repercuten positivamente na economía local, así coma a importancia que para o medio ambiente ten o cabalo: a raza autóctona que vive en liberdade, supón un destacado elemento de loita contra os incendios e para o mantemento da cadea alimentaria, sendo soporte alimentario para grandes depredadores. Ademais, moitas da gandeirías de Pura Raza Galega están situadas na Rede Natura.

Innovate. Este enlace será abierto en una nueva ventana Diputación de Lugo. Este enlace será abierto en una nueva ventana UE. Este enlace será abierto en una nueva ventana

Información sobre el documento

Diputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000