Emblema da Deputación de Lugo

Consultas cidadás Boletín Oficial da Provincia de Lugo Emprego público Perfil do Contratante

Inicio -> Novas

Novas

14/07/2012

Éxito de visitas á mostra con 260 pezas de artesáns da provincia que o CENTRAD levou ó Festival de Ortigueira

Decenas de persoas xa coñeceron na Casa Consistorial de dita localidade coruñesa os traballos que 47 profesionais lugueses cederon á Deputación para participar por 1ª vez nesta Festa de Interese Turístico Internacional e impulsar este sector na provincia

Hoxe e mañá, dende as 10:00 ás 20:00 horas e no Consistorio de Ortigueira, pódense ver pezas de cestería, olería de Bonxe e Gundivós, reproducións castrexas e romanas, pedra, madeira, metal, téxtil, instrumentos musicais, vidro, ourivaría, coiro e complementos

Con esta exposición, a Deputación abre unha programación de mostras itinerantes para potenciar e abrir novas oportunidades de comercialización ó sector artesanal lugués

A Deputación promociona a riqueza artesanal da provincia no Festival de Ortigueira, que reúne a 100.000 persoas

En tan só dous días, a mostra con 260 pezas de artesáns da provincia que o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación levou ó Festival de Ortigueira xa recibiu a visita de decenas de persoas. A institución provincial está a cumprir deste xeito co obxectivo marcado con esta exposición: dar conta da riqueza artesanal da provincia para acadar novos beneficios económicos en Lugo co impulso deste sector. Para elo, o CENTRAD situou na Casa Consistorial de dita localidade coruñesa os traballos que 46 profesionais lugueses cederon ó organismo provincial co fin de participar, por primeira vez, nesta Festa de Interese Turístico Internacional na que, segundo datos da última convocatoria, participan unhas 100.000 persoas.

Hoxe e mañá, no Consistorio de Ortigueira e entre as 10:00 horas ás 20:00 horas, pódese ver un amplo escaparate do labor que realizan os artesáns de Lugo. Hai traballos de cestería (palla, silva, sombreirería ou láminas de madeira), olairía de Bonxe e Gundivós (olas, botixos, canecos, xarras, tixolas), reproducións castrexas e romanas (vasillas, lucernas e mosaicos), pedra (reloxos de sol, peregrinos ou trisqueis), madeira e metal (zocas ou sellas), téxtil (lino ou encaixe); instrumentos musicais, vidro, ourivaría, coiro e complementos. Ademais, hai información sobre o festival A Liorta Folk, xa que o Concello da Pastoriza, ó igual que o CENTRAD, está a aproveitar esta oportunidade única para promocionar o municipio co fin de impulsar a económia local.

Mostras itinerantes

O proxecto expositivo que a Deputación de Lugo leva a Ortigueira supón o arranque dunha nova etapa, que incluirá unha programación de exposicións itinerantes, tanto polos Concellos de Lugo, como por outras localidades ou eventos que sirvan para promocionar e abrir novas oportunidades de comercialización ós artesáns lucenses. A exposición irá acompañada en cada caso de reunións de traballo e actividades paralelas encamiñadas ó fomento de accións de deseño e promoción comercial. A Deputación de Lugo pretende, grazas a esta oportunidade, non só facer visible e posicionar adecuadamente o traballo do CENTRAD, senón tamén promover a cooperación productiva empresarial, o emprego e o deseño como un dos piares básicos para o desenrolo da economía e da sociedade lucense.

Festival de Ortigueira

O Festival de Ortigueira é un referente mundial de folk con unha longa traxectoria e indiscutible repercusión mediática e social. No ano 1978 naceu este evento musical de mans da Escola de Gaitas de Ortigueira e, malia a súa boa acollida, interrompeuse durante un lustro. Xa no ano 2000, dentro desta multitudinaria cita anual, ábrese un novo horizonte musical cara a outro tipo de música que non ten porque ser estritamente celta. Paralelamente ó festival terá lugar unha feira de artesanía, un programa de radio, as exposicións A gaita e as orixes do Festival Celta e Antoloxía do Festival, así como a estrea do documental “DefoI XXI”.

Innovate. Este enlace será aberto nunha nova ventá Deputación de Lugo. Este enlace será aberto nunha nova ventá UE. Este enlace será aberto nunha nova ventá

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000