Empresas e colectivos sociais sen ánimo de lucro de 61 Concellos da provincia solicitaron á Deputación un total de 765 axudas económicas para contratar novo persoal a través do Ben Empregado 3, o programa que o Goberno Provincial decidiu reeditar para xerar novos postos de traballo na provincia con 2,3 millóns de euros.
O organismo provincial publicou en www.deputacionlugo.gal a listaxe das solicitudes incompletas para que os concorrentes corrixan erros ou deficiencias e continuar coas súas solicitudes. Cómpre destacar que o prazo para facelo é ata o venres incluído.
Aquelas entidades ou asociacións que non figuren en dita listaxe é porque teñen toda a documentación en regra, feito que non implica que xa sexan beneficiarias, pois a avaliación definitiva farase rematado este prazo de subsanación de erros.
765 solicitudes para 3 liñas de contratación
As 765 solicitudes recibidas por parte de empresas e colectivos sociais dos 61 Concellos lugueses son para as seguintes tres liñas de contratación, que acordou ofrecer o Goberno da Deputación:
- Liña 1 dirixida a empresas para a contratación de desempregados lucenses, onde a institución sufraga o 50% dos gastos laborais dos novos traballadores: recibíronse 490 solicitudes.
- Liña 2 dirixida a empresas para a contratación de desempregados lucenses con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral, onde a institución sufraga o 100% dos gastos laborais dos novos traballadores co obxectivo de favorecer a súa inserción laboral unha clara aposta pola integración social: recibíronse 143 solicitudes.
- Liña 3 dirixida a colectivos sociais sen ánimo de lucro para a contratación de desempregados lucenses, onde a institución sufraga o 100% dos gastos laborais dos novos traballadores: recibíronse 132 solicitudes.
A Deputación abre o prazo para que as empresas e entidades da provincia concorran ás axudas do Ben Empregado 3
O Goberno da Deputación abre o prazo para que que entidades e empresas da provincia poidan concorrer ao Ben Empregado 3, o programa dotado con 2,3 millóns de euros co que a Deputación sufraga os gastos laborais e salariais pola contratación de parados lucenses durante un ano. O prazo para presentar a documentación remata o vindeiro día 19, incluído. As axudas teñen unha contía máxima de 22.000 euros.
A documentación deberá ser presentada no Rexistro Xeral da Deputación ou ben en calquera das dependencias administrativas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992.
Unha vez resolto este proceso, antes de finais de ano, publicaranse os perfís que demanda o tecido produtivo da provincia e abrirase outro novo prazo para a selección dos desempregados lucenses.
Poderán concorrer ás mesmas todas as empresas e entidades sociais da provincia, agás aquelas que se beneficiasen do Ben Empregado 1 e 2 e non contrataran finalmente aos traballadores que lles subvencionou a Deputación durante un ano.
Dentro desta programación, o organismo provincial habilitou dúas liñas de actuación. Unha dirixida a empresas lucenses, ás que a Deputación ofrece subvencionar o 50% da contratación de desempregados lucenses e o 100% no caso de que os parados sexan persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral. A segunda liña de actuación está dirixida a entidades e colectivos sen ánimo de lucro. Neste caso, a Deputación subvencionará ao 100% a contratación de desempregados lucenses.
Como novidade, tamén se inclúe a posta en marcha, dende a Deputación, dun Servizo de Intermediación Laboral e sufragará o equipamento que sexa necesario para que as persoas con capacidades diferentes leven a cabo o seu traballo
Descarga as bases e os modelos aquí: