Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Ben Empregado IV

O Goberno da Deputación abre o prazo das axudas para que un mínimo de 150 empresas e colectivos da provincia contraten a outros tantos desempregados lucenses

 

- Autónomos, pequenas e medianas empresas, e asociacións sen ánimo de lucro, todas elas da provincia, poden solicitar durante 15 días hábiles axudas coas que pagar durante 1 ano os custos laborais de novos traballadores, que serán sempre lucense no paro

- O Executivo Provincial asumirá o 100% dos custos laborais cando os contratados sexan persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral; o 90% de traballadores en xeral para colectivos sen ánimo de lucro e o 50% para empresas

- Exclúense ás empresas que contasen con axudas do Ben Empregado e non continúase cos traballadores rematadas estas; ás que non aceptasen ao persoal seleccionado nin tan sequera no período de proba ou ás que realizasen despedimentos improcedentes

- Favorécense as entidades e colectivos que non se teñan beneficiados antes do Ben Empregado; ás que ofrezan contratacións indefinidas, medidas de conciliación laboral, de protección do medio ambiente e responsabilidade social e corporativa; ou ás  novas entidades, ás impulsadas por mulleres, mozos de 16 a 35 e maiores de 45 anos

 

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, avanzaron que hoxe se publicou no Boletín Oficial Provincia (BOP) as bases do Ben Empregado 4, máis social. Polo tanto, mañá mesmo se abrirá o prazo para que empresas e colectivos sen ánimo de lucro, todos eles da provincia, soliciten axudas para contratar a novos traballadores, que serán sempre desempregados lucenses. O Goberno Provincial dotou a este plan de 2,2 millóns de euros, que permiten chegar a un mínimo de 150 entidades e asociacións e xerar outros tantos novos postos de traballo na provincia.

 

Santos Ramos explicou que dende o martes, 26 de setembro, e durante 15 días hábiles (agás as fins de semana e os festivos), pequenas e medianas empresas, autónomos e colectivos lucenses poderán solicitar axudas de ata un máximo de 22.000 euros coas que asumir, durante 1 ano, os custos pola contratación de novos traballadores, que serán en todos os casos desempregados da provincia.

 

“Deste xeito, dende este Goberno Provincial buscamos cumprir cun dobre obxectivo:  combater a taxa de paro na provincia, xerando postos de traballo de calidade ao incorporar cláusulas sociais nos contratos para salvagardar ou mellorar os dereitos laborais dos traballadores; e tamén contribuír ao desenvolvemento da actividade do tecido empresarial e asociativo da provincia na procura da dinamización da economía lucense”, apuntou.

 

3 liñas de financiamento

Os solicitantes poden optar a 3 liñas de financiamento: do 100%, do 90% ou do 50%.

 

- “Asumiremos a totalidade dos custos laborais dos traballadores, concedendo ás entidades ou colectivos o 100% da axuda, cando contraten a persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral. Por exemplo, veciños con dificultades físicas ou psíquicas ou vítimas de violencia de xénero, entre outras. Favorecemos, polo tanto, a xeración de emprego para veciños en esta situación, dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas e social”.

 

- “Asumimos o 90% dos custos laborais de novos traballadores en xeral cando sexan contratados por entidades sen ánimo de lucro. Contribuímos, deste xeito, á importante actividade social na nosa provincia do tecido asociativo”. 

 

- “E asumimos o 50% dos custos laborais de novos traballadores en xeral cando sexan contratados por empresas da provincia”.

 

Requisitos

Poden participar no Ben Empregado 4 todas as entidades e asociacións lucenses agás  aquelas empresas que contasen con axudas das anteriores edicións desta programación e, rematada esta, non mantivesen aos traballadores nos postos de traballo xerados; ás que realizasen despedimentos improcedentes nos últimos 12 meses; ás que fosen condenadas por sentenza xudicial firme sobre despedimentos improcedentes ou expedientes sancionadores nos últimos 3 anos; ou ás que renunciasen a subvención do Ben Empregado doutras edicións unha vez seleccionado ao persoal sen tan sequera contratalo durante o período legal de proba.

 

Máis social

Favoreceranse ás empresas e colectivos que non se teñan beneficiados das anteriores edicións co obxectivo de chegar a máis xente; ás que ofrezan contratacións indefinidas do posto subvencionado, medidas específicas de conciliación laboral a todo o cadro de persoal, de protección do medio ambiente ou de responsabilidade social e corporativa. Ademais, “dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas e social, valorarase, positivamente, que os promotores das entidades sexan de nova creación, impulsadas por mulleres, mozos de entre 16 a 35 anos ou maiores de 45”. 

 

Obrigas

López Izquierdo apuntou as obrigas das entidades e colectivos que resulten beneficiados: aceptar o traballador asignado pola Deputación e mantelo no seu cadro de persoal durante un período mínimo de 12 meses de duración; manter o cadro de persoal, incluíndo aos anteriores traballadores das edicións do Ben Empregado, durante a vixencia deste programa; facilitarlle ao contratado os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas tarefas; ou achegar ao organismo provincial nos primeiros 10 días do mes a nómina e xustificante de pago do traballador correspondente.

 

Solicitudes

As entidades e colectivos sen ánimo de lucro da provincia interesadas en participar nesta 4 edición do Ben Empregado deberán presentar no rexistro da Deputación (ou por calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas) a documentación que se atopa www.deputacionlugo.gal. Concretamente, no espazo habilitado do Ben Empregado, onde figurarán os anexos I ao X con toda a información. As empresas e colectivos sociais que resulten beneficiados poderán solicitar un anticipo ata o 80% da axuda. Tanto na web da Deputación como no Taboleiro de Anuncios se publicarán os requirimentos de máis información durante o proceso de resolución das subvencións.

 

Preto de 650 novos empregos

Coas 3 primeiras edicións do Ben Empregado, o Goberno Provincial leva xerado polo de agora un total 644 novos empregos. Co Ben Empregado 1, que é o único que está pechado, xerou 234 postos de traballo, que ocuparon 130 son homes e 104 mulleres da provincia. A inserción laboral desta primeira edición, é dicir, o número de persoas que seguen a traballar logo de rematar a subvención da Deputación, é do 30%, que representa a preto de 70 lucenses. Co Ben Empregado 2, cando queda un 20% de empresas ás que adxudicar traballador, leva xerado ata o de agora 287 empregos, que ocupan 168 homes e 119 mulleres da provincia. Á espera de finalizar esta edición, a inserción laboral, polo de agora, é dun 25%, que representa a máis de 65 persoas que seguen a traballar rematado o período subvencionable. Co Ben Empregado 3, cando todos os luns se seguen a ofrecer novos postos con esta programación na Bolsa de Emprego en www.deputacionlugo.gal, son ata o momento 123 os desempregados lucenses que traballan agora.

Descarga do arquivo

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000