Emblema da Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas cidadás
Boletín Oficial da Provincia de Lugo
Emprego público
Perfil do Contratante

Lugowork

A Deputación arranca o LUGOWORK, o 1º plan de emprego xuvenil participativo da provincia

- É a programación para lucenses desempregados de 18 a 30 anos, que ofrece formación e axudas económicas para que traballen por conta allea ou abran os seus negocios grazas a 2 millóns de euros que a Deputación captou da Unión Europea
- O Presidente salienta que se involucra no LUGOWORK a todo o tecido empresarial e á comunidade educativa para unha maior inserción laboral e potenciar os sectores produtivos. Xuntos definirán as accións formativas sobre nichos de mercado
- Nos vindeiros días celebrarase a xornada informativa para representantes de todos colectivos do tecido empresarial, entidades punteiras, Universidade ou centros de FP. Logo haberá encontros e mesas sectoriais por toda a provincia

A Deputación arranca o LUGOWORK, o 1º plan de emprego xuvenil participativo da provincia

O Presidente, Darío Campos Conde, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, presentaron este luns o LUGOWORK, o primeiro plan de emprego xuvenil participativo da provincia, pois a Deputación involucra no deseño do mesmo a todo o tecido empresarial lugués e á comunidade educativa co obxectivo de acadar unha maior inserción laboral rematada esta programación e potenciar os sectores produtivos. Así o destacou o Presidente, que adiantou o inicio da primeira fase desta programación.

Campos Conde destacou que LUGOWORK está dirixido a mozos lucenses desempregados de entre 18 a 30 anos. Conta con de 2 millóns de euros, que o organismo provincial foi capaz de captar da Unión Europea, concretamente do Fondo Social Europeo. Ofrece a un mínimo de 300 rapaces formación gratuíta para a súa inserción laboral por conta allea, é dicir, en empresas da provincia, que recibirán axudas de ata 4.200 euros para os custes salariais e de seguridade social dos novos traballadores durante 6 meses; ou a través do autoemprego, fomentando o emprendemento; opción na que os mozos recibirán directamente ata 3.000 euros para poñer en marcha os seus propios negocios.

Participación
O plan divídese en tres fases: a de diagnóstico, a de formación dos mozos e a de inserción laboral. O organismo provincial pon en marcha a primeira delas (diagnóstico) cuxo obxectivo é coñecer as necesidades do mercado laboral na provincia para axustar a oferta de emprego á demanda. “E para facer posible isto, é imprescindible o diálogo con todas as partes, co tecido empresarial e cos mozos desempregados, facendo o máis participativo posible o noso plan”, remarcou o Presidente.

Por este motivo, explicou Campos Conde, a Deputación porase en contacto de xeito inmediato con:

1.- todos os colectivos que representan ao tecido empresarial lugués, “que son os que verdadeiramente coñecen as súas necesidades; os que nos poden dicir que servizos se requiren para facer máis competitivos cada un dos sectores produtivos da provincia. E isto sen dúbida pasa pola formación para acadar unha especialización. É dicir, por conseguir traballadores que destaquen no mercado laboral polo servizo punteiro ou imprescindible que poden ofrecen ás entidades para a súa mellora. Queremos tapar estes vacios laborais con mozos desempregados para que comecen a traballar por conta allea ou a través das súas propias empresas, cumprindo, deste xeito, dous obxectivos: combater o paro xuvenil e facer máis forte ao conxunto do noso tecido empresarial”.

O Presidente puxo algún exemplo, apuntando que se falará, entre outros moitos, coa Confederación de Empresarios de Lugo; a Federación do Comercio ou a de Confrarías de Pescadores da Provincia; o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia ou o da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra; Sindicatos; entidades como Cruz Vermella ou Cogami; así como con Colexios Profesionais ou Asociacións, como pode ser a da Prensa de Lugo.

2.-“tamén nos poñeremos en contacto coas denominadas empresas tractoras e gacela, as que fomentan en maior medida o crecemento económico nesta provincia polo seu nivel de vendas e de traballadores, pois son as que máis recursos teñen para levar a cabo novas contratacións”. Por exemplo, Vestas, Puerto Celeiro, Armadores de Burela ou Igapan, entre outras moitas.

3.- “falaremos ademais coa Universidade ou cos Centros de Formación Profesional para poñernos en contacto directo cos mozos que remataron os seus estudos e non están a traballar. Queremos informalos sobre as necesidades laborais que en primeiro lugar nos traslade o conxunto do tecido empresarial, e, por suposto, coñecer os seus proxectos para contribuír a súa inserción laboral como emprendedores”, subliñou.

Xornada informativa, mesas sectorias e encontros
A Deputación celebrará a principios de marzo unha xornada informativa no Salón de Actos na que participarán representantes de todos os colectivos do tecido empresarial, de grandes entidades e da comunidade educativa. Esta será a primeira toma de contacto, pois, seguidamente, haberá encontros e mesas sectoriais con todos os implicados para, conxuntamente, definir os nichos de mercado. En base a este minucioso diagnóstico, deseñaranse as accións formativas.

Novo e mellorado plantexamento
Santos Ramos destacou “o novo e mellorado plantexamento” do LUGOWORK, pois a Deputación suma no mesmo a formación sobre os nichos de emprego que ofreceu a máis de 1.000 lucenses desempregados co Pacto Provincial polo Emprego, que contou con 8 millóns que a institución captou da Unión Europea; e o estudo da oferta laboral na provincia para equiparar á demanda que se fixo co Ben Empregado, que está a permitir que 500 lucenses no paro traballen en empresas e entidades da provincia que necesitaban persoal e ás que o organismo provincial subvenciona os custos salarias e da seguridade social. “E todo isto mellorado, pois facemos participativo o proceso de análise das oportunidades laborais que van a definir as accións formativas, involucrando no mesmo a todos os axentes implicados no mercado laboral. E, a maiores, e como outra das grandes novidades do LUGOWORK, tamén incorporamos a posibilidade de emprender dentro da nosa aposta polo emprendemento como saída laboral, que xera unha grande riqueza económica e social para a provincia; pois supón que grandes mentes lucenses se queden na provincia para desenvolver os seus proxectos e xerar novas oportunidades económicas”, remarcou.

Sistema Nacional de Garantía Xuvenil
O Deputado destacou, especialmente, un dos requisitos que establece a Unión Europea aos mozos para poder participar nesta programación. Trátase da obrigación de ter que estar inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. “Remarco isto porque detectamos que máis do 50% dos mozos lucenses no paro e de entre 18 e 30 anos non o están. Dende a Deputación levaremos a cabo unha campaña de información ao respecto para que o fagan e teñan a oportunidade de sumarse ao LUGOWORK”, adiantou Santos.

Consulta a información do proxecto LUGOWORK

A Deputación arranca o LUGOWORK, o 1º plan de emprego xuvenil participativo da provincia

Información sobre el documento

Deputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000